Por
Pepe de Rocaforte
Hai un par de semanas reproducía un
parágrafo de Georges Perec e un parente, que ten a deferencia de ler estas
colaboracións, a propósito dunha das frases do autor francés (“en todos os
sitios encontramos xente que leva reloxo, pero é moi raro encontrar xente que
leve búsola”), dime que as cousas non son así, porque no teléfono móbil temos
tanto un reloxo, como un GPS, algo moito mellor que unha búsola.
Este meu parente non é dos que
pensan que os adiantos (chamémoslle así) que temos hoxe hóuboos sempre. Pero a moita
xente nova non lle cabe na cabeza que se puidese vivir algunha vez sen teléfono
móbil, ou sen luz eléctrica, ou sen Partido Popular, e non se decata de que
cando morreu Georges Perec, en 1982 (por certo: con 46 anos), o móbil que hoxe
necesitan os nenos xa ós dez anos, non era un aparello moito mellor que o
zapatófono do Super-axente 86, e víase como un artefacto só posible nas
películas de espías.
O cal me leva a pensar nalgunhas
cousas nas cales antes non me fixaba e agora sáltanme á vista cando leo unha
novela. Refírome a certos pequenos erros, doadamente corrixibles, que afean un texto
por outra parte meritorio. Un exemplo: Nunha novela dous tipos están nun coche,
un deles por medo a que o outro escape mentres o deixa só no vehículo, péchao
desde fóra co mando a distancia. ¡E o outro non pode abandonar o auto a non ser
rompendo un cristal e saíndo pola xanela! ¿Que modelo de coche é ese? Coñezo
unha manchea deles e non sei de ningún que non se dea aberto desde dentro aínda
coas portas pechadas.
Outro caso, noutra novela: o autor
fálanos do tempo dos discos musicais de “Fundador”. Para maior información
(innecesaria por outra parte) concreta: “discos de 78 revolucións por minuto”.
¿Por que se lle ocorre aumentar eso? Aqueles discos eran de 45 r.p.m., señor.
Máis: fálasenos dunha costureira con
tanto traballo que a miúdo non podía aturar a dor nunha perna de tanto lle dar
ó pedal da máquina de coser. Ata aquí moi ben. Logo un día a costureira debe
facer un traballo fóra da casa, pon a máquina na cabeza e alá vai, como as das
figuras de Sargadelos. O malo é que a máquina de pedal non a podería levar na
cabeza. Neste caso trataríase da máquina de man. Outra máquina, que a muller non
ten.
¿Outro exemplo? Unha lavandeira esta
lavando no río. O seu fillo, de dous anos, cai á auga. Cando o sacan está medio
afogado, pero conseguen facelo recuperar, aínda que como consecuencia do percance
¡fica coxo para toda a vida! De medicina pouco máis entendo que o de “ó catarro
darlle co xarro” e seica é un mal consello, pero de aí a que un neno caia á
auga e por culpa deso queda coxo para sempre, non me entra moi ben na cabeza.
Á vista de casos coma estes,
pregúntome: ¿por que as editoriais, que teñen uns correxidores ortográficos que
cando escribes “eso” cho substitúen por “iso”, e en cambio admitenche “ese” e
“esa”, non terán tamén uns lectores que lle advirtan ós autores eses pequenos
erros nos que incorren para que os modifiquen ou eliminen?
Xa sei que os autores son reacios a
que lle fagan modificacións no texto, e como exemplo xa citei aquí o caso de
Malcom Lowry, pero estes detalliños admitirianos, digo eu.
P.S. Aproveitando que hoxe é o Día
das Letras permítome recomendarvos a compra dalgúns libros. Supoño que estarán
abertas as librerías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario