xoves, 3 de maio de 2018

O TALLER DO MARMORISTA



Por Pepe de Rocaforte

Ó lado da casa onde nacín e me criei había unha marmorería onde as rapazas se aprovisionaban de anacos de mármore para xogar ó peletre, ese xogo chamado aquí na Coruña mariola, noutros sitios truco, e que en castelán serviu para Julio Cortázar lle poñer título á súa famosa novela: Rayuela. Na marmorería era tamén onde os rapaces, para debuxar na acera ou nas paredes as nosas obras artísticas e, por veces, literarias, colliamos xeso do utilizado para fixar na mesa de traballo as placas en que os marmoristas traballaban.  

            A min gustábame ver como facían desde os traballos máis simples ós máis delicados. O pulido da placa de mármore a base de auga, pedra pomes e moita paciencia para deixala lisa, suave e brillante. O trazado das liñas para marcar o recadro onde a base de maceta e cicel irían os nomes, as cruces e os adornos, de follas unhas veces, de flores outras, ou só as letras máis a miúdo. Un traballo para o cal comprían diversos tipos de ciceis, desde os de corte afiado con que ían recortando as letras, ós dentados (creo que en castelán se chaman gradinas), para facer unha superficie granulada sobre a cal destacar a forma de letras e debuxos.
 Logo tiñan outros traballos, máis escasos, onde se vía mellor o talante artístico do autor. Na marmorería do lado da miña casa había unha peza que sempre me levaba a vista a admirala, obra do marmorista xefe, que aprendera talla en Santiago con Asorei. Tiña forma de cono truncado duns trinta centímetros de alto, outros trinta de diámetro inferior e uns dez de diámetro superior, coma un capitel invertido, no cal se representaban uns acios de uvas entre follas de viña, se non me falla a memoria, que máis tarde vería coroando unha fonte nos xardíns municipais, de onde finalmente desapareceu para ir parar non sei onde.
            Divagando sobre o que acabo de escribir, veume á memoria Georges Perec de quen hai tempo que non boto man. Abrín “Especies de espacios”, a buscar algunha coincidencia con el na miña enumeración de traballos e útiles, e dei con este parágrafo que non ten que ver co tema, pero non me resisto a transcribir: «O espacio parece estar máis domesticado ou ser máis inofensivo que o tempo: en todos os sitios encontramos xente que leva reloxo, pero é moi raro encontrar xente que leve búsola. Necesitamos saber a hora en todo momento (¿hai aínda alguén que saiba deducila da posición do sol?) pero nunca nos preguntamos onde estamos. Cremos sabelo: estou na miña casa, na oficina, no metro, na rúa».
            Non ten nada que ver co que eu estaba a escribir, xa digo. Ou tal vez si, non sei. Pero de tódolos xeitos paréceme unha reflexión atinadísima e por eso quero facer a vostedes partícipes dela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario