luns, 12 de novembro de 2018

MEDICINAS CURIOSAS


Pepe de Rocaforte
Hai cousa de mes e pico tiña idea de facer un comentario sobre un tema de (incomprensiblemente) certa actualidade: o dos produtos homeopáticos e os seus consumidores, fabricantes e distribuidores. Un percance inesperado forzoume a suspender por un tempo estas colaboracións que envío á rede sen unha idea moi clara de a quen poden atopar do outro lado nin de como van ser acollidas ou refugadas. Pero así é o xogo e con el sigo. 
            Xa non pensaba no tema homeopático cando a visión dunha reportaxe de Jordi Évole en televisión tróuxomo de novo á cabeza. Certo que Évole ofreceunos un aspecto en certa medida desviado e moito máis espectacular, o da homeopatía chamánica, da cal eu non tiña idea, e o caso particular dun médico sevillano, Ángel Lara, que ó amparo desa homeopatía xuntou arredor de si unha secta un tanto inquietante (inquietante por el máis que nada). 
            Quero aclarar que non son partidario desas presuntas medicacións, por lle chamar dalgún xeito, que xogan de maneira tan evidente coa credulidade dos seus seguidores, os cales, para a miña perplexidade, son polo xeral xente cunha formación cultural media, en ocasións tirando a alta; para que vexamos que ás veces a formación intelectual non é ningunha defensa contra posturas de creencia e seguimento de temas en principio inaceptables para unha mentalidade cun certo grado de formación. 
            E penso esto sobre todo cando observo que os fabricantes desas pseudo-medicinas son xente tan convencida de ter tan completamente atrapados ós seus seguidores que se poden permitir facer burla da súa credibilidade ofrecéndolle produtos como o “Excrementum canium (sic)” nunha “dilución” para curar grastroenterite, colite, e diarreas, entre outros males, a base duns compoñentes cuxa denominación xa non chama a engano. É como se o fabricante dixese: “Téñovos tan nas miñas mans, que se vos dou merda para sandar, merda comeredes. Ídelo ver”. 
            De nada sirve que lle digas a un consumidor deses presuntos fármacos que un medicamento debe probar a súa eficacia antes de ser ofrecido ó público. Para ser comercializadas as preparacións homeopáticas só precisan probar que non resultan perigosas para a saúde. Para eles xa abonda, e así, entre curacións nada sorprendentes, debidas ó efecto placebo, podemos observar arredor de nós casos verdadeiramente sangrantes que enchen a un de indignación ante a maneira que teñen eses individuos de xogar coa saúde da xente. 
                             A carón do muro de Berlín
            E aquí, para desdramatizar un pouco o asunto, vou dar a curiosa información doutro medicamento homeopático fabricado pola empresa británica “Helios Homeopathy”, comercialmente denominado “Berlin Wall”, ou (para xente con cultura clásica) “Murus Berlinensis”, unha dilución preparada a partir dun anaco do famoso Muro de Berlín, triturado, machacado e disolto en auga, para “aliviar a opresión (política, familiar, sexual ou relixiosa) e especialmente indicado para casos de depresión e angustia opresiva”. A relación causa-efecto parece ter sido buscada con “intelixencia”, ¿non si? 

Ningún comentario:

Publicar un comentario