Por Pepe de Rocaforte
Miguel Anxo Murado, en “De soños e derribos”, atribúelle
ás néboas a falla de criterio mental, a confusión de ideas. Alfredo Conde,
pola súa parte, descualifica, agora mesmo non lembro onde, a quen nun relato
introduce a personaxe dun tolo, dun parvo da vila.
Contra o que debería considerar unha sabia advertencia de
ambos estimados autores ocórreseme hoxe falar dun parvo na néboa. Fágoo por me
vir á memoria certa noite de inverno na
que camiñaba no medio dun neboeiro espeso pola Rúa do Paseo de Ourense, deserta
a aquela hora. Cando pasaba á altura do desaparecido chalé de Losada,
apareceume de frente o Toniño, tolo famoso naqueles tempos da miña adolescencia
que ando a rememorar ultimamente, levantando os pantalóns que traía á altura
dos nortellos con toda a aparencia de ter acabado de aliviar unha necesidade
corporal. Ó verme, o home botoume un sorriso cómplice e ganou a volta a repetir
mentres se afastaba: “¡Como quenta o sol! ¡Como quenta o sol!”
Do Toniño circulaban por Ourense unha chea de historias
de todo tipo. Unha das que me pareceron máis graciosas contábaa un bo amigo meu
a quen lle debo moitas curiosas informacións ourensás. Seica dunha vez o tolo
achegouse pola rúa a monseñor Ángel Temiño, coñecido bispo integrista daquela
época, que pasaba por alí naquel momento, supoño que acompañado do seu séquito
habitual, e dixolle: “Obispo, dáme unha peseta”. O bispo, un tanto sorprendido,
volveuse e díxolle: “Lo siento, Toniño, pero no llevo dinero”. Ó que lle
respondeu o tolo: “Pois non sei pra que es obispo se sempre andas palmado”.
Gustaríame que a historia tivese sucedido no curso dunha
procesión relixiosa, con Monseñor Temiño vestido de pontifical e avanzando con
aquel solemne aire inesquecible que tan ben lle cadraba á súa figura diocesana,
a cabeza suavemente ladeada e a man dereita ofrecendo a bicar o anel ou
esparexendo con parsimonia bendicións a destro e sinistro.
Pero non podo asegurar tal extremo: a información
recibida non chegou a tanto. Síntoo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario