venres, 16 de novembro de 2018

DOS CERROS DE ÚBEDA Ó PAZO DE OCA



Por Pepe de Rocaforte

            De sobra é coñecida a expresión de “perderse polos cerros de Úbeda”. No meu caso non me perdín, porque non me compría “escaquearme” de ningunha batalla, nin tiña á miña espera unha “fembra placentera” entre as oliveiras, que non está o alcacén para gaitas. Vin os outeiros desde un miradoiro ó lado da monumental praza Vázquez de Molina, onde se concentran varios dos edificios máis impresionantes da cidade, declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2003, onde tiven a sorte de contar cunha guía que nos deu non só unha lección de arte, senón tamén de historia. E da súa disertación quedeime coa figura de Francisco de los Cobos, unha especie de Amancio Ortega do século XVI, personaxe pertencente a unha familia da pequena fidalguía local, que sería home de confianza do Emperador Carlos I, secretario do Consello de Estado e, entre outros moitos títulos e prebendas,  “Ensaiador maior dos metais preciosos da Casa de Contratación das Indias”, curioso título que lle proporcionaría unha riqueza incalculable.

            Faceta importante da personalidade deste home foi o mecenazgo artístico. En 1522, acompañando ó Emperador, viaxou a Italia e descubriu o movemento renacentista. En Ferrara coñeceu a Tiziano, con quen mantería unha boa amizade e a quen nunha segunda viaxe, en 1532, animou a vir a España para retratar a Carlos I, como así o faría o pintor veneciano. En Italia  Francisco de los Cobos  tamén entrou en relación co arquitecto Pedro de Vandelvira, a quen convenceu para construír en Úbeda varios dos edificios hoxe admirados polos turistas que alí nos achegamos.
 



Pero o dato que máis atraeu a miña atención tocouno a guía ó falar das aspiracións deste home a adquirir títulos nobiliarios. En 1522 Francisco de los Cobos casou con María de Mendoza e Sarmiento, VII condesa de Ribadavia, filla do Adiantado Maior de Galicia, Juan Hurtado de Mendoza. O fillo de ambos, Diego de los Cobos e Mendoza, casaría en 1543 con Francisca Luisa de Luna, a quen se lle concedería o título de   Marquesa de Camarasa, o cal me leva ó Pazo de Oca, propiedade hai anos dese marquesado.
 De rapaz chamáranme a atención tales propietarios, por non atopar relación entre Oca e Camarasa, e preguntábame: ¿Como sen nada que ver con Galicia, viñeron dar aquí eses marqueses? Agora, moitos anos despois pareceume atopar a resposta en Úbeda. Pero a cousa segue igual, porque se ben o recén creado marquesado recaía na muller do neto da condesa de Ribadavia, esta, a pesar de tal título, tampouco nada que ver tiña con Galicia.
Hoxe en día, mortos sen descendencia os derradeiros marqueses de Camarasa, o pazo de Oca pasou en herdanza ó ducado de Medinaceli, outro título foráneo, co cal chegaron a Galicia celebracións de resonancia peninsular, como a voda de Nati Abascal con Rafael Medina, duque de Feria, de penosa recordación, fillo da duquesa de Medinaceli, Victoria Eugenia Fernández de Córdoba.
En fin, como diría o outro, curiosas historias da nobreza hispana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario