
Hoxe xa a ceo aberto, estamos ao cabo de saber moito sobre eles e o que quero é particularizar a sua presenza no Uruguai decimonónico (por non falarmos do actual), tendo aquí implantación desde fins do XVIII e, polo que aos galegos nos atinxe, coa representación de moitos masóns connacionais nosos no surxemento desa institución neste país.

É así como a comezos do século XIX o ilustrado coruñés Joaquín de la Sagra (1784-1851), irmán maior de Ramón, instalado neste territorio xa desde antes da independencia, tivo destacada actuación filantrópica, sendo o verdadeiro refundador (1825) do vello hospital de caridade, chamado ata hoxe Hospital Maciel (polo seu fundador orixinal na centuria anterior).
Entre moreas deles, outros galegos masóns uruguaios (de algúns xa tendo falado en anteriores Crónicas) serían: Antonio Díaz (Coruña, 1789-1869), xeneral da independencia; Senén M. Rodríguez Seoane (Viveiro, c. 1826-1872), iniciador, finalmente frustrado, do ferrocarril xa en 1869; Andrés Dubra y Seoane (carballés c. 1830), político, iniciador dunha familia moi presente no devenir do país (el mesmo cónsul do Uruguai na Coruña contra 1905); Francisco Vázquez Cores (Ferrol, 1843-1914), mestre, libreiro e impresor de primeira liña nos comezos da educación pública, tal como Antonio Barreiro y Ramos (A Laracha, c. 1851-1916), ou Adolfo Vázquez-Gómez (Ferrol, 1869-1950), figura fundacional do socialismo uruguaio (por certo, tio-abó de Leopoldo Calvo-Sotelo)...

Cantiga carballesa: Hei d'ir a Montevideo/ anque sexa por un ano/ anque non traia diñeiro.../ serei sempre americano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario