mércores, 17 de xullo de 2019

UN REVOLUCIONARIO EN ZÚRICH



Por Pepe de Rocaforte
Suíza ademais de lugar de refuxio do tímido Gran Capital, é o país con maior número de capitais, (ademais do Capital con maiúscula). Así temos: Berna, a capital Federal; Xenebra, capital da Diplomacia mundial; Lausanne, capital do Deporte Olímpico; Lucerna, capital do Turísmo;  Zúrich, capital das Finanzas...
Curiosamente nesta capital financeira foi onde Lenin acabou de poñer a punto as teorías da revolución proletaria. En febreiro de 1916, despois de residir en Xenebra e en Berna, Vladímir Ilich Uliánov instalábase en Zúrich, para traballar alí, no número 14 da Spiegelgasse, nun humilde piso da zona vella, onde alugara dous cuartos.
 Curiosamente tamén na mesma rúa, no número 1, abríase ó público, nese mesmo mes de febreiro de 1916, o “Cabaret Voltaire”, onde Hugo Ball, Marcel Janco, Tristán Tzara, Jean Arp e outros revolucionarios artistas firmaban a acta de nacemento do dadaísmo.
Non hai certeza da posible relación de Lenin co Cabaret Voltaire, aínda que circula a historia de que na festa inaugural un home baixote, cun rostro de aparencia mogol, escenificou uns contos de Chejov e a muller que o acompañaba interpretou dúas cancións rusas. ¿Eran Lenin e Nadia Krupskaia, a súa esposa? Non se sabe. Ó revolucionario ruso non o atraía nada a arte de vangarda, pero é posible que sentise simpatía por aqueles artistas que iniciaban o movemento Dada a cincuenta metros da casa onde el vivía.

O Cabaret Voltaire inicial tivo unha vida curta: tan só seis meses. Logo seguiría unha traxectoria errática que, despois de moito tempo pechado, o levaría á súa situación actual: tenda de regalos na planta baixa e un bar na de arriba.
Lenin abandonou Zurich en abril de 1917 para unirse á recén iniciada revolución rusa. A súa marcha de Suíza contóunola así unha guía turística a quen non debía preocupar moito translucir as súas ideas políticas, posiblemente coincidentes coas da maioría dos cidadáns helvéticos: “Cando Lenin mostrou o seu desexo de marchar a Rusia para unirse á revolución, as autoridades suízas puxéronse axiña en contacto co kaiser Guillermo II, de quen conseguiron autorización para deixar pasar a Vladímir Uliánov por terra alemá. De volta en Suíza metérono inmediatamente nun tren especial e dixéronlle: veña, vaite facer revolucións no teu país e déixanos tranquilos a nós.”
Por certo, no mesmo barrio onde están o Cabaret Voltaire e a casa en que viviu Lenin, encóntrase, desde 1874, a “Bodega Española”, bar, restaurante e tenda de viños. Parece estar acreditado que Lenin tiña a súa mesa no local, onde lía a prensa e tomaba (posiblemente) un vaso de viño. A “Bodega Española” seica conserva unha factura de Lenin. Impagada no seu día, recálcase. E non me estraña, porque os seus prezos, polo menos a día de hoxe, non son precisamente para proletarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario