luns, 8 de xullo de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (26)




                                                                        O Curmán de Undochán

   
         Este país é tan apaixonadamente futboleiro como os seus veciños Arxentina e Brasil. Unha longa tradición internacional de éxitos, moi madrugadora (campionatos/olimpíadas), da que aínda se vive sentimentalmente, así o reafirma. Topónimos como Colombes (de 1924), Amsterdam (de 1928) ou Maracaná (termo tupí-guaraní, de 1950) están presentes na historia do país, ao mesmo nivel que as efemérides patrióticas... dando nome a ruas e ás tribunas do que foi o principal campo, o Estadio Centenario (de 1930).
  
          Ao respecto, compre evocar, naquel primeiro ano, o equipo uruguaiano desembarcando en Vigo, onde tomaron terra europea no seu periplo cara a París... non sen antes ir quentando motores en encontros cos equipos vigués e coruñés, neste caso co saque de honra a cargo do cónsul-poeta Julio J. Casal. Así como na capital española son clásicos os teams Atlético (nesta América rin coa pronunciación madrileña de “at-lético, At-lántico”) e Real Madrid, con similares connotacións sociolóxicas e ata políticas, sono aquí Peñarol (CAP) e Nacional (CNF), -respectivamente aurinegros e tricolores-... alén dos outros equipos que, máis dunha vez, desbancaron aos nomeados de ambos países no triunfo deste deporte de masas.

            Futbolistas uruguaios en España e galegos-fillos no Uruguai son xa recorrentes. Abonda con lembrar a chamada “Orquesta Canaro” do Dépor dos primeiros 50, referíndose a ese afamado conxunto tangueiro porteño (dirixido polo uruguaio Francisco Canaro), como signo de excelencia deportiva. E aquí e hoxe, apelidos futbolísticos como Ariosa (sic), Balsas, Corujo, Filgueira, Lodeiro, Moas, Pouso, Regueiro, Rivero (sic), precedidos polos Abeijón, Arigón (sic), Maceiras, Maneiro, Míguez, Santamaría ou Taibo, e estes polos históricos Castro, Cea e Lorenzo Fernández, Severino Varela, Buceta, Dacal, Figueroa, Gestido, Naya ou Nieto... dan fe do que dicimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario