luns, 1 de xullo de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTROMUNDO (25)






                                                                        O Curmán de Undochán

            Este dia falaba dos costumes provincianos dos montevideanos capitalinos, dos capitalinos tipo medio ou común. País pioneiro sociopolítico no mundo con leis tan madrugueiras como a do divorcio e a abolición da pena de morte (1907) ou a lei das oito horas no eido laboral (1915) -non así a do voto feminino, un ano posterior (1932) á efímera lei española... mostra, como contradicción aspectos nos que a muller aínda non está á par do home. Feminicidios fora (ver Crónica 3 ao pé), outras carencias subsisten nunha sociedade complexa, onde o pudor feminino non concibe o topless nas praias -a convivir con algumha que outra praia nudista, tamén é verdade-, fronte ao home,   maiormente novo, moito menos inhibido, a lucir torso nu ondequer que o verán esté apertando (nun xesto raiando, se cadra, no machismo mental).
   Hai un outro aspecto que sempre chamou a atención e é o feito de a muller actuar, hoxe case extinguido tal uso, como “señora de”, mesmo incorporando o apelido do home ao seu, unhas veces reducido a unha inicial (Juana F.de Pérez), outras abertamente explícito (Juana Fuentes de Pérez)... en ambos os casos coa incorporación do apelido do marido... marcando dependencia ou posesión con ese “de”... ao contrario que na patriarcal España da ditadura, onde a fémina, anulada xuridicamente, nunca usou o apelido marital.

            En falando de laicidade, este país ten longa singladura laica, particularmente desde que a Constitución de 1917 separou Estado e Igrexa Católica: ben antes dérase a lei do matrimonio civil obrigatorio (1885) e máis acá decretárase a laicidade no ensino (1909). Isto non impide que cada volta máis, pululen, xunto aos vellos templos protestantes (ver Crónica 20), novas igrexas evanxélicas marca USA e/ou Brasil, a rivalizaren cos mormóns ianquis de vella presenza no país. (Un dos presidentes especialmente belixerante na materia foi o case lexendario José Batlle y Ordóñez, fundamental reformador do Estado uruguaio na primeira década do século XX).
            Dito isto, é rechamante como, no case centro da capital, en encrucillada moi visíbel, se ergue o enorme cruceiro -moi ao estilo de algunhas “cruces de los caídos” españolas-, instalado para a misa papal. Pois Xoán Paulo II visitou o país en 1987... e voltou, non sabemos por que, un ano máis tarde: non ficou o grandioso emblema alí sen debate e forte... que non deu evitado o agregado (2005) da estatua do propio pontífice.
            Consonte con esta segunda visita, que o deslocou a cidades do interior da república, estreouse, case vinte anos despóis, un filme co confuso título “El baño del papa”, protagonizado por  César Troncoso, galego-fillo, un dos actores máis destacados destes últimos anos. Dígoo, porque aquí baño refírese ao tradicional excusado ou recinto do retrete -tal como se veu chamando tamén por aí, onde vai sustituíndo o anterior de “servizo”- e non a un baño de inmersión ou de chuvia con finalidade hixienizante. A película reflicte, con tenro e corrosivo humor, as zozobras das xentes humildes dunha viliña por como vai quedar e se vai resultar o feitío dese vergonzante recinto hixiénico destinado a tan excelso visitante...           que finalmente non chegou!    


Frase extemporánea: Duas triloxías femininas literarias clásicas destes países: as tres poetas uruguaias, Delmira Agustini, Ma. Eugenia Vaz Ferreira e Juana de Ibarbourou; as tres poetas do Cono Sul: Gabriela Mistral, Alfonsina Storni e Juana de Ibarbourou.


Ningún comentario:

Publicar un comentario