xoves, 4 de xullo de 2019

PASEANDO POLA BEIRA DO LAGO



Por Pepe de Rocaforte
Unamuno, cando lle preguntaban por que,  en lugar de residir en Salamanca, unha cidade pequena, non se trasladaba a Madrid, respondía que o seu lugar ideal para vivir era aquel onde, nun cuarto de hora, podía chegar camiñando desde o centro urbano ata os arrabaldes.
Acordeime da frase de Unamuno durante un plácido paseo pola beira do lago Leman en Xenebra, cidade cuns escasos douscentos mil habitantes e uns arredores cheos de verdor e auga lacustre, situación que na miña opinión a aproxima ás condicións unamunianas de cidade apetecible para vivir.
Durante ese paseo pola beira do lago viñéronme varias cousas á cabeza, unha delas a de que tal vez o do carácter “menos suízo” de Xenebra, segundo opinión dalgúns compatriotas, se deba a que foi o cantón máis recentemente adherido á Confederación Helvética, porque hai só uns douscentos anos que, aproveitando a conmoción producida en Francia pola caída de Napoleón, a cidade de Calvino decidiu afastarse dos franceses para unirse á Suíza.

Proseguindo o paseo a carón do lago, non moi lonxe da estación de Cornavin, véume tamén á cabeza o cadro de Luís Seoane “A emigrante”, cuxa reprodución acompaña este comentario. Contaba o pintor que a orixe desa pintura fora unha información lida na prensa, onde se comentaba o caso dunha velliña galega que viaxou a Suíza para ver ós seus fillos alí emigrados. Cando chegou á Gare Cornavin, xa desvariando por tanta cousa incomprensible como a rodeaba, non sabía quen era nin recoñecía a ninguén. As autoridades suízas puxéronlle un calmante, metérona noutro tren e mandárona de volta para a súa aldea.
Á beira deste drama, ou traxedia, a terceira cousa que me acordou resulta frívola e eu mesmo son o primeiro en recoñecer a súa intranscendencia, pero quedoume na memoria pola curiosidade da coincidencia non buscada entre unha viñeta de Hergé e unha foto feita por min hai moitos anos na cal a paisaxe do fondo é exactamente a mesma, ata no detalle dese ciprés á dereita. A viñeta corresponde ó “comic” “O caso Tornasol”, e a foto fíxena unha mañá de paseo en barca polo mesmo Lago Leman en Nyon, vila moi próxima a Xenebra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario