O Curmán de Undochán
Ángel Lorenzo na prensa da época |
Dous feitos de sangue ocorreron en apenas tres anos,
ambos a relacionaren Galiza e Uruguai, como sufridos con morte por dous galegos
emigrantes entre 1897 e 1901. E os dous merecendo a publicación de senllos
libros.
Neste ano produciuse o famoso crime da Ferradura,
que recolleu (1985) Gonzalo Torrente Malvido na colección La Sombra de Caín.
O padronés residente en Mercedes (bela capital de provincias uruguaia) Ángel
María Lorenzo Ozores, solteiro, 53 anos, masón e dono de boa fortuna, feita en
base ao tráfico transatlántico de gando en pé, en viaxe pola Terra, procedente
do balneario de Cuntis, caeu en Compostela na véspera do Apóstolo.
Con sona de mullereiro, citárase, no saudoso paseo
compostelán cunha tal Manuela Carreira, 28 anos, prostituta, co consentemento
e, máis aínda, co alento do home, un tal Celestino Rodríguez, 24 anos, ex
emigrante en Cuba. Estes tiñan aquel seu modus operandi: mentres ela
cumpría co cliente e lle roubaba, el vixiaba o encontro. Así foi como, en
decatándose o tal indiano da manobra, reaxíu e o Celestino apuñalouno con
resultado de morte, atopándose o cadáver na mañá seguinte.
Pouco e nada disfrutou a criminal parella do roubado,
pois que foi apresada en cuestión de horas e finalmente (1903) condenada a
morte, se ben se beneficiou dun indulto real, que permutou a morte pola cadea
perpetua a raíz da asunción do mozo Alfonso XIII como monarca. Só réstanos
perguntarnos que se faría da fortuna americana do infortunado, seguramente
asumida polos pais, que inda vivían e moraban en Galicia.
Moi diverso é o caso de José Benito Castro Padín, tamén
padronés, de Iria Flavia (1859-1897), que neste ano -o 14-09, en chegando a
primavera austral- caeu morto no lonxano Tacuarembó, no afastado pago de
Turupí, onde posuía unha pulpería (negocio de ultramarinos na área
rural, do que xa temos informado). Segundo vemos, el andaba nos 38 anos, era
casado (en segundas coa sua cuñada, mulleres ambas crioulas de orixe brasileira) e pai, respectivamente, de
catro fillos (3 nenos e unha nena) e máis outra filla (Rosalía Castro) deses
dous matrimonios, esta última apenas unha crianciña.
A pulpería de
1847 hoxe lugar patrimonial
que visitan os escolares
|
Seique por mor de rivalidade comercial e outras contas
pendentes, o seu paisano ourensán Domingo Formoso, tamém pulpero da zona
e máis vello que el, mandou sicarios para lle dar un aviso ou intimidalo: non
están claras aínda as motivacións porque é o dia que non se fixo unha
investigación seria para desvelar un século longo de procurado silencio. Mais
si se publicou unha novela (Don Candinho, 2014, do recentemente falecido
e consagrado escritor uruguaiano Tomás de Mattos), con moita información oral
do tema e a dose habitual de ficción.
O conto é que Castro atrincherouse no comercio-vivenda,
cruzándose unha balaceira, ata que as cousas se foron torcendo e
acabaron co asalto dos delincuentes e a morte daquel e a conseguinte violación
(na presenza dos cativos) da pobre muller (acto que se adoita atribuir á
sociedade bárbara da época, onde se daba con certa frecuencia, mais que aínda
se dá hoxe en entornos tan civilizados como ese primeiro mundo).
O Formoso acabou se suicidando e os sicarios foron
morrendo a mans de Candinho dos Santos, o cuñado do arriscado galego, a quen
lle encargou o pai lavar a honra coa vinganza. suscitando no mozo un grave
problema de conciencia, cando menos así encarado maxistralmente na obra citada.
Frase extemporánea: Os arxentinos quérenlle
máis aos uruguaios do que os uruguaios aos arxentinos (oculta, tal vez, un
cariño paternalista do grande fronte á suspicacia do pequeno, ciumento da sua
independencia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario