sábado, 30 de outubro de 2021

Símbolos externos


Xa hai anos que non vexo paseando pola cidade a un rechamante personaxe que camiñaba polos lugares máis céntricos e nas horas de maior actividade, vestido con elegantes traxes e lustrados zapatos, sempre co un pito incrustado nunha boquilla que portaba de maneira destacada, e con certo aire ó andar que nunca cheguei a saber se era por mor dalgunha lesión nunha perna ou simplemente por garboso estilo. Era tan curiosa a súa figura que a quen máis e a quen menos íanselle os ollos detrás del tratando de adiviñar quen era, de onde era e de que vivía aquel que, en máis dunha ocasión, paseaba cunha impoluta bolsa de deportes da que asomaba o mango dunha raqueta de tenis. Era un verdadeiro dandi.

Outros andamos de gorra para tapar a calva.

O coidado da imaxe non é algo de hoxe en día, os espellos dos recibidores inventáronse para preparar a nosa presentación antes de abocar a porta da rúa, xa sexa adornando a propia persoa ou o que nos rodea. Un fámulo con librea non era un favorecido ben vestido, senón unha fachada engalanada para amosar a riqueza e o poderío do seu amo. As señoritas de cofia cunha tarde libre á semana, non son as triunfadoras que saídas da aldea trocaron o mantelo polo fular, senón unhas explotadas, non sei se mellor ou peor pagadas ca unha xornaleira sachando de sol a sol; pero vendo a unha ou outra, sempre semella que quen mellor vive é a da cofia.

Falábamos estoutro día cun deses anciáns que fican no peirao outeando os vendavais, e dicíanos que cando era neno sempre se fixaban naqueles navegantes e emigrantes que viñan con zapatos lustrados e traxe, e todos querían ser coma eles, sen decatarse de que por eses días de asueto podían pasar anos vestindo farrapos; porque coller unhas pequenas vacacións era perder cartos e traballo.

Sobre isto das aparencias, cóntanos Xulio, o etólogo Desmond Morris definiu a garabata como unha evolución do babeiro, de cando naqueles séculos XVII e XVIII, as clases sociais se distinguían sobre todo pola alimentación, e os ricos comezaron a poñer de moda un pano ó pescozo, como para dar a entender que non lles daba tempo a sacalo de tanto que comían durante todo o día e a todas horas, e esa especie de pano de mesa tapando a gorxa, primeiro adornouse con puntillas e logo acabou tomando a forma das garabatas que hoxe coñecemos. Ou o elegante frac, de chaqueta curta e unha especie de rabo bífido, que comezou sendo unha prenda usada para montar a cabalo con comodidade, e daí pasou ás merendas que se servían despois dos paseos equinos e outras festas de sociedade, como hoxe en día se está impoñendo a roupa que dicimos informal ou deportiva, con tenis que desprazan ós zapatos con traxes e vestidos, coa idea de amosarse tan modesto e falto de fachenda, que ata se puxo de moda a engurra “bela” e o pantalón rachado.

O último en postureo é cargar coas pesadas bolsas de paus de golf, como hai uns anos era portar unha raqueta. Segue triunfando a imaxe, o feito de amosar aquilo que dalgún xeito semella dar prestixio, polo xeral deportes caros e minoritarios, aínda que non se saiba coller a raqueta polo mango. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario