Amosando publicacións coa etiqueta litratura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta litratura. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de decembro de 2021

¿OS SILENCIOSOS?

Por Pepe de Rocaforte


    

Despois do paseo recordatorio co que andei a voltas arredor do “Grupo Poético Amanecer” da Coruña estas semanas de atrás, viñéronme á memoria os “Artistiñas” ourensáns, tal vez o grupo máis coñecido nos medios culturais da Galicia dos anos cincuenta e sesenta do século pasado (mención á parte para a chamada  “Xeración de La Noche”, outra cousa, ó meu ver, distinta).

Da tertulia e aventuras dos “Artistiñas”, na súa maioría pintores, no seu habitual centro de reunión na taberna de Tucho da Consolación, rebautizada por eles como “O Volter”, non vou escribir; máis que nada por non ter cousa ningunha que aportar ó xa de sobra coñecido, porque non tiven relación persoal con ningún deles, a non ser con Acisclo Manzano, e eso bastantes anos despois, cando aqueles rapaces que trataban de romper moldes dentro da pobre vida cultural da época, deixaran de ser unhas promesas das nosas artes para se converter nas figuras hoxe de todos ben coñecidas.

Así as cousas acordeime de outros mozos ourensáns daqueles tempos, que se movían un tanto á marxe de tertulias e medios máis ou menos bohemios do seu entorno. Ese grupo, para min innominado, non sei se por elección deles ou por denominación externa, resultou chamarse “Os Silenciosos”, segundo lin nun blog ó que non lle dei moito creto, tal vez por me parecer que en certo modo relacionaba a eses rapaces coa tertulia que no último terzo do século XIX tiñan en Zúrich o escritor Gottfried Keller, o pintor Arnold Böcklin e Carlo, fillo do pintor, tertulia cuxo nome Vila Matas traducía ó castelán como “Los Parcos”, mentres outros se inclinaban por “Los silenciosos”.

Formaban ese grupo José Ángel Valente, Antón Risco, Julio López Cid, Virxilio Fernández, José Eduardo Valenzuela e algún máis que agora mesmo se me escapa da memoria. Daquela eu sabía quen era Antón Risco, con quen me cruzaba a miúdo no Parque de San Lázaro e pola rúa de Santo Domingo. E tamén sabía do pintor Virxilio porque nunha ocasión en que o vira pintando as portas dunha carnicería preto da casa onde eu vivía (creo lembrar: a carnicería da Rogelia), un amigo meu contoume que aquel home era un artista e pintaba cadros. O cal vería confirmado nunha entrevista en “La Región”, onde contaba que nas súas correrías por Europa adiante se dedicaba a pintar para non morrer de fame. O xornalista preguntáballe: ¿Pintaba e vendía cadros? E Virxilio respondíalle: Non, non. Pintaba paredes”.

En xaneiro de 1960, outro membro do grupo, Julio López Cid, conseguiría o Premio Sésamo de contos co relato titulado “¡Pobre Celso!”, que non sería publicado ata 1975; pero con tal motivo puiden ter noticia del por outra entrevista en “La Región”, e saber que a aquela altura se encontraba internado nunha clínica de La Dehesa de la Villa, en Madrid, por causa dunha doenza pulmonar. A Julio López Cid nunca cheguei a velo persoalmente.


Polo que algún tempo despois cheguei a saber deles, parecíame que o nome máis axeitado para o grupo sería o de “Os Paseantes”. Ou, en todo caso, “Os Camiñantes”. E pensando neso tratei de lembrar o modo en que empecei a ter relación con eles; pero non acabo de chegar a un acordo comigo mesmo. Por unhas veces paréceme que con quen primeiro empecei a me relacionar foi con Antón Risco, pero por outras creo que foi a Julio López Cid a quen primeiro tratei.

E posto que quero contar como se produciu o inicio das miñas relacións con eles, e paréceme que facelo hoxe suporía alargar máis alá do debido esta colaboración, vouno deixar ata a semana que ven, a ver se entre tanto consigo lembrar con certeza con quen primeiro empecei a me relacionar.

¡Ata dentro de oito días logo! ¡E felices festas!, como corresponde desexar nestas datas.





domingo, 8 de xullo de 2018

Restauradores e mañosos


        A calquera coidador que maltrate o obxecto do seu coidado hai que quitarlle a custodia, sexa un pai contra un fillo ou un fillo contra un pai. E isto vale para titores de escola ou para o banqueiro que ten conta dos nosos cartos; pero tamén para o bibliotecario que dobra e encarta as páxinas dun libro ou o vixiante dun museo que lle quita o lixo a un cadro frotándoo co dorso da man. Cando o encargado de velar por unha obra patrimonial a maltrata ou a despreza, hai que quitarlle a potestade sobre ela, porque demostra a pouca sensibilidade co que é de todos os cidadáns, pero tamén porque nos avergoña.
     Mentres celebramos a feliz intervención no Pórtico da Gloria, esta semana, The Guardian fíxose eco doutro atentado ó patrimonio cultural español cun título que nos obriga a reflexionar: “Segunda igrexa española presa dun restaurador ben intencionado”. Quero pensar que hai certa sorna neste titular e nese adxectivo dedicado ó restaurador e á pouco afortunada intervención no repintado dunha imaxe de san Xurxo de Estella (Navarra) datada no século XVI, que se suma ó tristemente famoso Ecce Homo de Borja (Zaragoza). Pero por desgracia o periodista inglés quédase curto. Oxalá só fose a segunda, porque restauracións encargadas sen un mínimo criterio nin profesionalidade, por párrocos “ben intencionados” a persoas “ben dispostas” que usan pinturas inadecuadas ou enzoufan coa brocha de encalar as paredes, é máis común do que se pensaba. Só hai que ver en moitas igrexas por onde van os cables eléctricos, como se fosen unha moldura máis dun retablo, porque é moito máis barato ter de man a un mañoso ben intencionado, que aprendeu a colorear nas actividades para adultos da asociación de veciños, ca chamar a un profesional que cobra con factura.
     Desgraciadamente este non é un problema alleo a nós, porque aí está o espolio sen responsables coñecidos do convento de Valdeflores (Viveiro); ou un santo Antonio mirando ó mar, na Pobra do Caramiñal, de quen unha amiga  a quen lle ensinei a foto me preguntou que como se lle pode ter devoción a esa cousa, afumada e coa pedra escachada pola calor das velas. Uns por exceso e outros por falta, como unha Santa de Moldes á que, a principios da década dos oitenta, lle rasparon a policromía para facela máis enxebre, por non falar da enorme cantidade de igrexas rurais abandonadas, onde se deixan podrecer retablos e esculturas que contan a historia e os sentimentos desa parroquia ou bisbarra. Ou a longa lista de pinturas murais que se están perdendo por mor da humidade e o abandono sen que os que teñen ó seu cargo eses bens exentos de IBI fagan nada por protexelos. Canto mellor non sería reconverter esas igrexas en salóns de actos, evitando tanto malgasto prevaricador en auditorios sobredimensionados.
     Non sei por que se lles dá a estes directores espirituais das nosas parroquias a licencia de custodios, tan dados como son a erixirse en propietarios chapuceiros, pasando por alto todas as leis de patrimonio, segundo as cales todo proxecto de restauración debe ser aprobado por especialistas no tema. Pero tamén é ben certo que para ser custodios primeiro tiñan que saber que é o que custodian e polo visto no seminario non se ensinan esas cousas. O que lle dá a razón a Xulio cando di que todos estes bens relixiosos deberían pasar á administración pública, á fin son obras feitas cos cartos de todos, de crentes e de non crentes.
     Canto máis non faría a cruciña da declaración da renda nun apartado dedicado ó patrimonio cultural.