xoves, 20 de xaneiro de 2022

CONVERSA EN GERMIL


Por Pepe de Rocaforte

 

 

   

            A Germil cheguei unha vez, xa hai anos, despois de percorrer algo máis de tres leguas por unha pista de terra, similar ás picadas africanas dos "Cus de Judas", a voltas e reviravoltas polas montañas do Gerés.

            A aldea está situada a uns quince quilómetros de Ponte da Barca, concello ó cal pertence. Rematada a subida, sen saber moi ben o que facer, pareime á entrada do lugar para lle botar unha ollada panorámica á paisaxe, e falar cuns rapaces que me miraban coma se se preguntasen “¿que fai este tipo por aquí?” Puxémonos de parola e axiña se nos achegaron unhas vellas, ansiosas tamén de coñecer os motivos que levaran ata aquel curruncho montañés a semellante descoñecido.

Lembro que de conversa con aquela xente pasei alí unha das miñas mellores tardes en Portugal. Sentámonos nun valo de pedra a falar, a contar historias de tesouros e de cobras ás que había que bicar na boca para as desencantar e outros importantes temas similares. Era polo tempo en que se empezaba a descubrir aquí o feo asunto do aceite de colza e as vellas, por me picar, dicíanme que cousas coma esas non pasan en Portugal.

Ata houbo unha que, por levalo máis adiante, me dixo: «Por eso, ¡que fea é España! Eu fun unha vez á festa a Entrimo. Saímos de aquí á tardiña e andamos toda a noite. Chegamos alá e aquelo era feo, feo. Feo de verdade. Fomos á misa ¡e a xente falaba coma nós! ¿Que lle parece? A festa estaba ben, pero aquelo é feo. Moi feo». E outra vella retrucaba: «É que non hai no mundo nada tan bonito coma Germil». E trataba de me arrincar o asentimento: «¿É que desde aquí a Viana ollou o señor algo máis lindo? Non hai outro lugar tan bonito no mundo. Non o hai.» E en corroboración do seu aserto púxose a me cantar unhas estrofas que a estas alturas lamento non recordar.

            Non probei a chanfana de cabra, prato seica moi apreciado por alí. Nin era tempo aínda de lampreas. Para outra vez será.

  

            Abandonei a aldea con pena,  e de volta á estrada asfaltada, río arriba en dirección a Lindoso, salvo algún que outro treito, os trinta quilómetros que me faltaban para chegar ó meu punto de destino estaban en moi boas condicións, ben distintas de cando os percorrera doce anos atrás. Pero o río Limia xa non é tampouco aquel que eu, tantos anos atrás, coñecera, cantarín entre penedas, escoltado polo verdor de freixos e ameneiros. Non é só que non poida volver bañarme na mesma auga, É que as pedras desde as que me mergullaba nel tampouco se ven xa, asolagadas no fondo escuro.

            Certo que é esa unha perda de pouca importancia frente ás ganancias que reportou. Peor é o que pasa cos hórreos, cos "espigueiros", erguidos como exército asaltante do castelo roqueiro de Lindoso, a carón da raia de Galicia. Desde a miña visita anterior o deterioro é evidente e lastimoso, sen que, por outra parte, aquí apareza beneficio ningún que se poida tomar como contrapartida.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario