sábado, 22 de xaneiro de 2022

Os avogosos contra a peste


O xinete que na Apocalipse representa á peste vai lanzando frechas indiscriminadamente, e a marca desas manifestábase nos doentes como bochas escuras que acababan por magoar algún órgano vital. Cando a Igrexa tivo que buscar a alguén que intercedese contra ese mal, pensou en san Sebastián, a quen se representa co corpo lacerado polas frechas con que foi cribado e que, a pesares de telo deixado por morto, puido sobrevivir. Naquel primitivo santoral medieval non había ninguén máis adecuado para interceder, parecía que cando este santo avogase en favor do doente, ben podería facelo desde a súa propia experiencia e iso convencía ós devotos. Pero a enfermidade non era doada de curar e por moito que el puxese da súa parte, non sempre se acadaba o beneficio da cura, e polo tanto, como non daba abasto contra ese mal, buscáronlle axudantes nas figuras de san Miguel ou da mesma Virxe María que facían o que podían porque non era a súa especialidade. Ata que apareceu san Roque, primeiro a nivel popular e logo xa canonizado pola Igrexa, para darlle o cargo oficial, quen ademais sufrira en propias carnes a peste que asolou Europa a finais do século XIV, e colocárono, co seu canciño lambón, presidindo camiños, pontes e portos, como en Vilagarcía, Betanzos ou na mesma porta de entrada a Viveiro, para que cada persoa que a cruzase o fixese baixo a protección do santo.

San Roque, coma quen non quere a cousa, foi desprazando a san Sebastián da devoción popular, pero como tampouco é de bos cristiáns ser desagradecido, en moitos lugares aínda podemos ver ós dous en compañía, cóbado con cóbado, os dous compartindo altar e peaña, os dous intercedendo, cada un ó seu xeito, en favor do devoto.

Do antigo culto a san Sebastián, cuxa festividade celebramos cada vinte de xaneiro, quedan restos etnográfico-relixiosos que hoxe son un atractivo turístico, como os fachóns de Castro Caldelas, reminiscencias dun sistema profiláctico mediante o que se percorrían as rúas afumando o aire e paseando ó santo.


Advocacións e rituais teñen a súa orixe nalgún antigo costume que se facía para esconxurar o mal cando a enfermidade era catalogada de castigo divino, como o de dicirlle “Xesús” a quen esbirra, porque nalgún momento o esbirro era síntoma dun principio de gripe, e esa palabra é o que queda de cando alguén desexaba “Que Xesús che protexa” para animar coa esperanza de que a divindade convertese en simple trancazo o que podía ser unha enfermidade mortal. E agora, ¿quen será o santo avogoso contra esta pandemia que padecemos?. Por aquilo de atacar as vías respiratorias ben podía encargarse do caso san Brais, aínda que el nunca portou nin porta a buceira que nos identifica como sufridores da COVID. Pero se algún día se ha de invocar a alguén contra este mal que nos asola, entre os seus atributos non pode faltar a máscara e o certificado de vacinación como documento de boa conduta.

O que si non adiviño a imaxinar e se nos evanxeos dese hipotético futuro vai aparecer un quinto xinete apocalíptico lanzando esgarros contra a humanidade, coma quen cuspe caguñas de oliva, ou como aqueles vaqueiros das películas que disparaban contra a cuspideira os seus efluvios microbiais coa mesma puntería coa que desenfundaban o “Colt”. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 




Ningún comentario:

Publicar un comentario