mércores, 5 de xaneiro de 2022

LECTURAS PARA DESPOIS DE REIS


 Por Pepe de Rocaforte

Dicíame o outro día un amigo que nos últimos tempos non podía afastar da cabeza a sensación de que na narrativa galega actual parecíalle detectar unha perda de calidade un tanto preocupante. Polo menos el cada libro novo de autor galego que le, confesa que, polo xeral, o deixa en boa medida insatisfeito. Onte outro amigo pedíame consello para mercar libros que lle regalar por Reis ós seus fillos, porque el andaba bastante despistado coa literatura galega. Asunto delicado este de aconsellar libros, polo menos para min, que ademais non son lector habitual de literatura xuvenil.

Pero para este caso tiña un bo nome de que botar man: Ramón Caride Ogando e a súa serie dos irmáns Said e Sheila: “Perigo vexetal”, “O futuro roubado”, “O camiño da estadea”... Ou para quen queira facer o regalo completo nun único volume: “As aventuras de Said e Sheila”

Chegado aquí, xa posto a facer unha merecida, aínda que pobre, publicidade, párome a pensar que Moncho Caride, sendo un gran escritor actual, e non só no referido á literatura infantil e xuvenil, á altura de calquera outro autor de calquera país do mundo, pouca xente por estes pagos coñece a súa obra, ou polo menos esa é a impresión que eu teño.

Pola miña parte confeso que a primeira novela que lin deste autor foi, en 1997, “Sarou”. E lina, non porque ningunha publicidade ma recomendase (a publicidade do libro galego é practicamente inexistente), senón porque formaba parte do xurado que lle concedeu en Vigo o Premio Café Dublín.

Logo, a partir de aí, empecei a ler os seus libros, primeiro “Soños eléctricos”, que cando recibiu o Premio Blanco Amor en 1992 deixárao de lado por se tratar dunha novela de “ciencia ficción”, ou “ficción futurista”, ou “de anticipación”, xénero que, salvo uns títulos que se poden contar cos dedos dunha man, non goza das miñas simpatías. En “Soños eléctricos” gustaríame daquela sobre todo o relato do home enviado a unha misión no espacio exterior, hibernado, e cando regresa atópase con que de onde saíra non queda nada, el é o único habitante dun mundo que desapareceu mentres viaxaba ás estrelas. Algo así, en certo modo, semellante ó caso de San Ero e a paxariña.

Logo lería “O frío azul”, onde apreciei o xeito de enlazar a lenda da muller-cerva coa historia do abade de Oseira nun relato ben tramado e desenvolvido, no cal brilla sobre todo a prosa do autor, aínda que neste caso me pareceu sobrar algo de información xeográfica e histórica (non sei quen foi o que dixo que é moi preciso buscar toda a información posible antes de se poñer a facer unha novela, pero sempre coa condición de borrar por completo da cabeza esa información ó se poñer a escribir).  

E para non cansar cunha relación exhaustiva de toda a obra de Ramón Caride, só aumentarei a recomendación de ler “Liquidación de existencias”, onde o autor, con ese realismo sucio do cal domina todos os rexistros, regresa ó ambiente e personaxes de “Sarou” e o Salnés, esa bisbarra castigada pola droga cunha mocidade en coqueteo coa delincuencia, ou metida nela ata as cachas.

Pero, suplindo un pouco a publicidade que non hai, non podo deixar de citar tamén, aínda que só sexan os títulos, eses seus magníficos libros de relatos, “Dedre”, ·Escáner”, “Crónica de sucesos”, “A velocidade crítica”...

¿Non é merecedora de atención unha narrativa na que contamos con autores que contan como Ramón Caride?

Xa para cerrar, indo con outra parte do tema, pregúntome por que deixou de escribir Xurxo Borrazás. ¿Non pode dar volta atrás da idea que o levou a desaparecer dunha cultura literaria onde tan necesarios son escritores coma el?

¿E por que non pedirlle a Anibal Malvar algunha nova novela na fala indefensa á que renunciou?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario