Xa se pode descargar a novela "O códice de Marte" na nosa páxina "Libros na artesa".
VERS. 6
As Cantigas de Santa María e os cancioneiros da Biblioteca Nacional, da Vaticana e da Ajuda reúnen a nosa lírica medieval case enteira. De 1200 a 1350, ou así se cre.
Pois o códice dito de Marte disque achega saberes cruciais sobre as orixes da cantiga de amigo. O misterioso manuscrito galego estaba escindido en tres supostas copias, que andaron a rolos polos séculos e as nacións e pretenden ser previas aos sobreditos cancioneiros. Non sabemos de ninguén que conseguise ver calquera desas versións, até o intento de restituír unha a Galiza.
Sucesivos correos electrónicos que veñen dun enigmático comunicante, equívoco, encuberto e errante, empéñanse en debullar as intricadas andanzas dos tres manuscritos polo mundo e pola Historia, mentres comezan a esvarar á internet sucesivas cantigas inéditas, mesmo no ciclo chamado de Martín Códax.
Pouco a pouco, o intrigante vai insinuando que as cantigas de amigo son máis vellas do que se sabía, antecesoras de toda a poesía da Europa medieval; que os trobadores alleos beberon delas, sendo algunha cansó provenzal simple tradución do galego; que os nosos festeiros poetas cantores se encubrían baixo alcumes animais e asistían en cuadrilla a canta romaxe había; e que o apelido inexplicábel, Códax, non era ningún trobador do XIII, senón o nome do antiquísimo cancioneiro, o Marteen Codex que recollía aquelas cantigas primixenias. O códice de Martiño.
O oculto informante propón á Universidade de Santiago o códice que posúe: di que lle queima as mans porque contén revelacións espectaculares, sensacionais, ou dementes. Non é unha oferta xenerosa nin desinteresada.
Este é o relato de como se receou que podía devalar a Historia da Literatura, no camiño de saber se o suposto manuscrito tiña algo de certo. Para descubrirlle máis verdade da que cabería agardar...
Ningún comentario:
Publicar un comentario