Somos uns copións. Non significa mesmamente que sexamos envexosos, pero si que nos gustan aquelas cousas que nos enchen o ollo; e iso sábeno os creativos das axencias de publicidade cando ó lado dun bo slogan che amosan a un tipo triunfante co cigarro na boca “O pracer da liberdade”, e non envexas ó vaqueiro, impolutamente vestido, cabalgando polas extensas praderías sen rastro de bosta, queres imitalo, aínda que no paquete se advirta contra as peores enfermidades causadas por ese suposto pracer da liberdade.
Todos os medios e formas valen para invitarche a desexar un produto, pero a ambientación é moi importante, unhas veces de maneira directa e outras con subterfuxios de caloteiro, como ese rapaz que despois de esparexerse un pouco de perfume atrae as miradas lascivas de todas as féminas, ou o afamado cociñeiro deixando ver a etiqueta do aceite ou do viño nalgún programa televisivo, para que, vendo como fai, segundo el, un delicioso guiso, sen que teñamos a oportunidade de catalo, merquemos esas marcas como se só elas valesen para triunfar na cociña. Todo pensado para que copiemos e merquemos ata o mesmo tipo de bebida edulcorada que hai diante do deportista que dá unha rolda de prensa despois do partido. É a forza da imaxe entrando polos ollos e fixándose nos miolos. Unha maneira de promocionar que no cine e nas series de televisión se cotiza polo alto e axuda a pagar os gastos de produción de calquera película ou telefilme amosando con claridade a marca que se promociona.
Pero que unha destas campañas provoque un efecto contrario ó agardado, tal unha sonada caída da bolsa, como nos contaron neste periódico que pasou o pasado mes de decembro, xa é insólito.
A cousa foivos que unha empresa americana dedicada á fabricación de bicicletas estáticas chegou a un acordo cos produtores de afamada serie “Sexo en Nova York”, para que un dos seus galáns aparecese en pantalla usando unha desas máquinas. Estaban convencidos os creativos da empresa que aquel tipo ben musculado, de grande éxito entre o persoal feminino da serie, pedaleando nunha das súas bicicletas estáticas animaría ós copións co reclamo indirecto de converter en belidos e atléticos adonis a quen as mercasen. Pero os guionistas (unhas malas persoas) aceptaron a proposta sen revelar, para non facer spoiler, como sería a trama da escena. Todos agardaban algo con alto contido erótico (o erotismo é o que mellor vende), coa compaña dunha fermosa moza, como mínimo unha especie de anuncio de perfume con bicicleta estática, pero pola contra, ó actor aquel, a quen se lle acababa o contracto no primeiro capítulo sen que os anunciantes o soubesen, aparece pedaleando enerxicamente e só, ata que, de súpeto, dálle un ataque ó corazón e morre (na ficción, claro).
De inmediato, as accións da compañía caeron en picado e as súas bicicletas estáticas convertéronse nun inimigo da saúde e do deporte. Aí está, unha vez máis, demostrada a forza dunha imaxe. Pero tamén coa imaxe remediaron os empresarios o problema. Encargaron un arremedo da escena para emitir como anuncio na televisión, facendo ver que o galán non tivera tal contrariedade, senón que a finxiu para fuxir coa súa amante, e entón volveron a subir as cotizacións da empresa e venda de tales aparellos.
O que eles non saiban....
Ningún comentario:
Publicar un comentario