Dende
a páxina de Libros
na artesa,
xa se pode descargar para eBook a obra de Nacho Taibo O
fotógrafo en formatos:
En 1977 a ourensá Editorial Limbo convocou o premio Mesón do Labrego de narrativa curta. No relato premiado, O fotógrafo, unha misteriosa sociedade garda en segredo unha innovadora tecnoloxía que consente acceder a séculos moi pretéritos e mesmo a persoas que viviron naqueles tempos. Á hora de publicar este texto, a editora preferiu dar á luz un libro máis extenso, que incluía outros tres relatos.
Un deles foi A enquisa, escollido na primeira edición (1975) do premio do Pedrón de Ouro, logo redenominado Modesto R. Figueiredo. Narra o proceso dunha pescuda aparente que oculta a busca interior dunha personalidade antisocial, contraditoria e atormentada nos seus complexos. Este relato vírase previamente publicado, xunto cos finalistas daquel concurso no volume Catro narracións, de 1976, nas Edicións do Castro.
O Santo Graal aparecera no primeiro libriño (1975) do autor, o denominado Os inmortais, cun prólogo anónimo debido a Darío Xoán Cabana, a quen perdemos por desgraza en 2021. Daquela denominado O Santo Grial, o conto pretendeuse un aleph onde a Historia e a Xeografía pasan en sucesión e fúndense sobre unha vítima alucinada.
O último dos relatos aquí contidos, Herbeira, foi o único creado expresamente para aquela edición. Contén unha dose manifesta de ciencia-ficción con certas pinceladas de crítica ou de ironía político-social, baixo o inhabitual uso da segunda persoa.
Algo comparten os catro textos, e son os finais paralelos e converxentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario