sábado, 11 de xuño de 2022

Do mito á ciencia



Contar como se descubriu o lume, con Prometeo convertido nunha especie de Robin Hood que llo rouba ós ricos deuses para darllo ós pobres humanos, ou como Démeter se enfada co mundo porque lle raptaron á filla e nos castigou co inverno, eran trapalladas que se argüían para tratar de entender os grandes enigmas. Poñer como milagre da divindade a baixada da marea para abrir un camiño de paso no mar Roxo ou crer que era Helios quen andaba polo ceo co seu carro para transportar o sol de leste a oeste, eran outras desas explicacións argalladas para facer entendible o que naquel entón era todo un misterio.

A sorte foi que nas mesmas cidades nas que uns crían nestes mitos, outras persoas trataban de buscar unha explicación menos teocrática, e así, pouco a pouco, as lendas e os contos da tradición oral só serviron para que alguén puxese os miolos en remollo abrindo o camiño da ciencia, e acabasen calculando cousas tan verdadeiras como o radio da Terra, o volume e composición dunha coroa real ou a hipotenusa dun triángulo rectángulo.

E claro que hai que contar contos cheos de fantasía, verdadeiros escapes da angustia que crea a dúbida, capaces de sorprender a nenos e adultos, porque son a base da reflexión, os que nos obrigan a preguntarnos os porqués poñéndolle límites á realidade.


Hai uns días, en Paredes de Nava, en Palencia, a artista plástica Rosana Largo abriu, con obras da súa autoría, un museo dedicado a relacionar contos e ciencia, para que nenos e maiores, dunha maneira divertida, interactúen cos variados proxectos e experimentos científicos, facendo que o visitante comprobe por si mesmo que hai de certo no que se nos conta ou simplemente se pare a distinguir a fantasía da realidade; desde facer que un neno constrúa a casa dos tres porquiños para ver como de forte ten que ser o soprido do lobo para derrubala, ata comprobar cal pode ser a altura do zapato de cristal de Cincenta para soportar o seu peso, ou como era que Alicia medraba ou engordaba segundo cal fose o espello onde se miraba.

Moito máis prosaico era e é a Casa das Ciencias, na Coruña, onde todos podemos xogar e experimentar sen ter que botar man dos contos. Unha especie de casa de xogos deseñada para comprobar como de doado é levantar un peso segundo as poleas que poñamos, como funciona un buraco negro vendo como unhas bolas se acercan a el rotando e nunca de maneira directa, ou como a cor dunha sombra depende da cor da luz, vamos, que non todas as sombras son negras. Un lugar no que a ciencia se aprende xogando.

Xulio dinos que de cativo contábanlle o conto de Polgariño, para que non se fose por camiños descoñecidos, e xa de adolescente ensináronlle a orientarse por se algunha vez se perdía. Primeiro aprendéronlle a ser cauto a logo a perder o medo. A literatura oral non naceu para ser un simple entretemento, senón para amosar con maior ou menor fantasía as realidades da vida. Pero tamén para ensinarnos a pensar e a poñerlle trampas á razón, de maneira que se cae nelas non é razón.

Indiscutiblemente, a ciencia está moi unida e é moi debedora da mitoloxía.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario