mércores, 15 de xuño de 2022

MEU AMIGO RESTIF DE LA BRETONNE


Por Pepe de Rocaforte


A primeira vez que vin o seu nome tería eu sete ou oito anos , e batín con el nun tomiño da “Enciclopedia de la vida sexual”, de don A. Martín de Lucenay, o dedicado ó “Fetichismo erótico”. Para que os pais se despreocupen de en que cousas ocupan o tempo os seus fillos sós na casa. (Na actualidade, en lugar de debuxos animados, o que buscan os candorosos nenos son as páxinas de pornografía, para estudar as preferencias eróticas dos seus descoidados proxenitores).

Xa tiña medio esquecido tan sonoro nome cando unha película dos irmáns Taviani, “A noite de Varennes”, mo devolveu á memoria. Ó longo da fita, ambientada na Francia do XVIII, aparecía o vello Restif, viaxeiro en dilixencia ó lado de Giacomo Casanova polos campos e cidades francesas daquel fin de século. E pouco despois, nunha desas coincidencias que con tan relativa frecuencia se dan, atopaba en París un tomo das Obras Completas do libertino namorado dos pés das mulleres, no que figuraban as novelas “Le Pornographe”, “L’Anti-Justine” e “Dom Bougre aux Etats Généraux”. Non viña alí “Monsieur Nicolas”, a súa autobiografía, e ben que o sentín, porque era o título máis citado no tomiño do “Fetichismo erótico” do señor Martín de Lucenay, onde se referían curiosos detalles da vida de Restif como o de cando traballaba como aprendiz de tipógrafo en Auxerre e se namorara dos fermosísimos pés da esposa do seu patrón, ata o punto de un día entrar no cuarto do matrimonio, coller unha chinela da súa amada e utilizala “como receptáculo en que baleirar o seu ardor viril”.Aquela muller acabaría sendo amante do escritor e sería tamén quen o iniciase no coñecemento dos clásicos franceses, pois a pesar do nome rimbombante Restif era descendente dun labrego cangado de fillos e con escasa formación.

Inimigo de Sade, escribiu “L’Anti-Justine” coa intención de combater as ideas do Divino Marqués. «Un autor débese marcar como fin a felicidade dos seus lectores [e] nada contribúe tanto á felicidade como unha lectura agradable, e de todas as lecturas, a máis atraente é a de obras eróticas», escribía na “Advertencia” previa desta novela.

No capítulo XXVI, “Aviso moi útil ó lector, e ó autor”, insiste: «Nada máis desviado, nunha obra coma esta, que unha disertación filosófica: vólvese insípida e, polo tanto, repugna á filosofía. O meu propósito moral (...) é o de lle dar ós que teñen o temperamento preguizoso un Erotikon picante que lles faga servir de modo conveniente a unha esposa pouco agraciada».


Hoxe case ninguén sabe de Restif de la Bretonne  “le Rousseau du ruisseau”, (mesmo dubido de que algunha vez se publicase aquí un libro seu), mentres pervive o “Divino Marqués”, que ben podería ser o autor de cabeceira deses homes de negocios popularizados por “American Psycho”, que descargan as súas tensións e as súas frustracións en sesións de sexo violento, e asasino.


 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario