sábado, 18 de xuño de 2022

O labirinto

 



Antes de que o santoral lle fixese sitio a santo Alberte Magno como protector dos enxeñeiros tecnolóxicos e a san Domingos de la Calzada dos de camiños e portos, o patrón mitolóxico dos enxeñeiros era Dédalo, e este tanto lle daba a un enxeño mecánico como ó trazado de pontes e estradas. Sen embargo, agora xa poucos se lembran de que el foi a primeira persoa que conseguiu voar e o primeiro capaz de deseñar unha cárcere ó aire libre, sen reixas nin cadeas, cando o rei de Creta lle pediu que encerrase ó monstruoso Minotauro que cada día papaba a un par de mozas e mozos, e como non podían acercarse para encadealo e metelo nun calabozo, foille poñendo unha serie de muros e corredores que, sen que o monstro se decatase, o ían encerrando e complicándolle a saída.

Da razón de ser dos cinco labirintos máis coñecidos da antigüidade, hai unha case completa unanimidade en supor que cumprían unha función protectora, uns, como o do Minotauro, para encerrar ó malvado monstro e outros, sobre todo en Exipto, para preservar o lugar central, reservado á máis alta dignidade. Ambos tipos deseñados para enganar ós seres malignos, tanto para evitar que o monstro saíse como para impedir que o mal chegase ó sancta sanctorum dun templo. E co deseño arquitectónico tamén apareceron simples representacións ou debuxos estampados con significado protector, tanto en lugares sagrados en forma de petróglifos, como en xoias, con entrambilicados deseños formando camiños e reviravoltas que se converteron en amuleto contra o mal, ás veces convertido en nó sen principio nin final, como se ve en moitos relevos do Románico, que acabaron adquirindo unha dobre función, a un tempo para protexer contra o diaño e por outro para indicar a universalidade de Cristo, sen principio nin fin.

 Un labirinto non é máis que a representación dos complicados camiños da vida.

Agora temos aquí nas Mariñas coruñesas, no concello de Vilarmaior, un labirinto semellante a aquel de Creta onde quen queira pode probar a desafiar o sentido da orientación, no que se está considerando o labirinto máis grande da Península, un lugar perfecto para perderse ou máis exactamente para saír do estrés durante as vacacións. Chámase o labirinto de Breoghán, pero parécese máis a eses xardíns franceses onde os amantes se perdían con gusto.

No labirinto de Vilarmaior non se pretende ningún sincretismo especial, como na antigüidade, senón pasar un momento divertido, para uns de desafío por ver quen sae antes dos intricados pasadizos e sendeiros e para outros un momento de relaxación, perdidos entre sebes e o piar dos paxaros. Imaxino que non faltará quen entre a este desafío armado con un carrete de fío, seguindo o consello de Ariadna a Teseo, cando este quería chegar a onde estaba o monstruoso Minotauro para darlle morte e poder logo encontrar a saída sen se perder nas reviravoltas daquela cárcere.

Pero o mellor de todo este labirinto de Vilarmaior, é que con el quedou demostrado que no rural hai moitas maneiras de reconverter os terreos sen montar mamotretos de ladrillo e darlle unha saída lúdica e con atractivo  turístico ó que doutro xeito ía quedar a monte. O labirinto de Vilarmaior vén para poñerlle as cousas un pouco máis difíciles o monstro do despoboamento do rural.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario