Por Pepe de Rocaforte
Resultaría curioso que, despois de derrotados na guerra de secesión, nos estados confederados do Sur norteamericano, para facer alarde de amor ós pretos, os parlamentarios de Alabama, Arkansas ou Mississippi acudisen ás sesións da Cámara do Estado con caretas de cartón ou de látex negro, e utilizasen esas caretas só nos debates parlamentarios, para logo gardalas nos roupeiros unha vez rematada a sesión, porque non é cousa de ir de entroido pola rúa.
Se pasamos dos Estados Unidos a Galicia, tampouco deixa de ser curioso que ás sesións do parlamento galego e outros actos institucionais e/ou culturais do país vaian os próceres e políticos herdeiros do vello réxime e vistan alí as súas caretas negroides, unhas de cartón basto, algunhas mellor amañadas, e outras -as menos- con aspecto case natural. Refírome ó uso ritual do idioma galego, que, naturalmente, á saída quedará arrombado no armario ata unha nova sesión.
Vénme esto á cabeza despois dunha conversa cun vello amigo, residente desde hai moitos anos en Barcelona, que me dicía onte nunha conversa telefónica o contento que se sentía de que o señor Núñez Feijoo marchase para Madrid, a exercer alí a súa actividade política, porque supoñía que nese novo destino non daría o espectáculo de estragar sen ningunha vergoña nin preocupación a nosa fala nalgunha das escasas ocasións en que se dignaba utilizala como presidente autonómico que, para desgracia nosa, foi.
ADDENDA.- Estaba diante do ordenador botándolle unha ollada ás informacións de prensa (agora non se dirá así, supoño, pero éme igual), cando me sorprende unha noticia gracias á cal descubro que este señor de quen acabo de estar escribindo ten unha incrible intelixencia, cráneo privilexiado, diría unha personaxe de Valle-Inclán. ¿Pois non acaba de comunicar a súa sospeita de que VOX e PSOE preparan un contubernio entre eles para postergar ó PP nunhas próximas eleccións? Vexo que o señor Feijoo ten un profundo coñecemento da xente que o pode votar e así nolo demostra un día detrás de outro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario