mércores, 29 de xuño de 2022

A LOITA DE KARL O. KNAUSGARD


Por Pepe de Rocaforte

 

  


 

Hai dous anos lin un par dos seis libros que compoñen “A miña loita”, de Karl Ove Knausgard, un título xeral posto sen dúbida a man tenta para chamar a atención e inducir á polémica, como efectivamente sucedeu entón. “A miña loita” chegou a ocupar durante unha temporada o centro de atención no espacio cultural, non só pola súa calidade narrativa, senón tamén polas controversias extra-literarias encirradas pola crueza con que o autor referiu as súas relacións familiares, incluídos amigos e a súa ex-esposa.

   Hoxe lembreime de Knausgard e os seus libros e decateime de que xa se fala moi pouco, ou case non se fala para nada, do escritor noruegués. Así, a velocidade máis que de cruceiro, de foguete espacial, se suceden as aparicións e desaparicións, sen ningunha mágoa, de novas obras literarias no mundo do libro.

Tal vez, animado por eso, decidín reenganchar con Knausgard, agora que non se ve a todas horas e por todas partes. Botei man dun terceiro titulo desa autobiografía na que o primeiro que chamou a miña atención foi este parágrafo atopado nun rápido repaso ás páxinas do libro: «A literatura é aquelo que as palabras despertan en quen le». Fixeime tamén nunha relación de xogos e ocupacións dos nenos de arredor dos dez anos nunha pequena vila insular da costa de Noruega.

O autor lamentaba nesas páxinas que hoxe o mundo enteiro tenda á uniformidade, que en todos os países sen excepcións vistan de xeito similar, o seu nivel medio en comidas é idéntico, teñen as mesmas modas, os mesmos gustos culturais, os mesmos medios de diversión. Vaiamos a onde vaiamos atoparémonos sempre co mesmo tipo de edificios, de centros comerciais, de parques, de paseos marítimos ou fluviais.

Mesmo as excepcións de que botan man en moitas partes para atraer o turista, fin último dos propósitos das clases dirixentes, sexan da ideoloxía que sexan, museos Guggenheim, finais futbolísticas, voltas ciclistas, festivais cinematográficos, etcétera.

   

Todo esto ocórreseme agora a min como conclusión ó repaso do que Karl Ove Knausgard conta nas páxinas que pouco e pouco ía lendo do seu libro, particularmente alí onde fala dos xogos e diversións infantís na época en que el tiña entre os dez e os doce anos, cando chegou cos seus pais a vivir a unha pequena illa do litoral noruegués, entre os anos corenta e cincuenta do pasado século XX.

Vexo os xogos a que se dedicaban, como pasaban o tempo nas escolas, as diversións que tiñan, os contos que se contaban ou lle oían ós seus maiores, e paréceme estar lendo algo que podería referir eu mesmo posto a recordar a miña vida na vila natal a mediados do século pasado. E dáme a impresión de que, o mesmo que en Galicia e en Noruega, sucedería no Cauca, en Oregón, no Rif ou en Pakistán.

Ou sexa, que ó fin e o cabo somos todos máis ou menos iguais, evolucionamos de xeito moi parecido e acabamos por morrer igual. O triste é que, sabéndoo, nos empeñemos en considerarnos únicos, en marcar fronteiras e declarar guerras cuxo final, quen perden e quen ganan, deberiamos ter máis que sabido desde sempre.

E parece que nunca acabaremos de aprender.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario