mércores, 5 de outubro de 2022

HÁBITOS FUNERARIOS


 

Por Pepe de Rocaforte

 

  

A recente morte da raíña Isabel II de Inglaterra e o circuíto turístico-mortuorio que o seu cadáver fixo por terras británicas antes de ser sepultado, tróuxome á memoria a morte do meu avó Manuel. Explico: este meu avó tiña dúas vivendas, unha na vila onde eu nacín e outra na aldea onde naceu el. Desde que conservo memoria, o avó Manuel que, ademais de labrego, era torneiro, os días de feira subía á vila a vender a súa produción e logo pasaba alí dous ou tres días coa muller e dúas das súas fillas; para logo volver á aldea, onde o resto da semana, na outra casa na que vivían o seu fillo e outra filla, se dedicaba a traballar no torno e ós labores da terra.

Cando o avó, con oitenta e dous anos, se puxo enfermo e foi á vila, ó médico, este mandouno meter na cama inmediatamente porque lle pareceu que o asunto non pintaba nada ben. O cabo duns días no leito xa se fixo evidente que lle quedaba moi pouco de vida e entón a familia xuntouse a falar do que procedía facer. A muller e a filla máis nova pretendían que o seu lugar de repouso eterno estivese no cemiterio da vila, porque dese xeito terían máis doado o se ocupar do coidado e limpeza da sepultura, pero o fillo varón e a máis vella das fillas pensaban que debía ser enterrado na aldea, onde repousaban os restos dos seus antepasados.

Desde o cuarto matrimonial o avó oíu, ou imaxinou, o tema de que se estaba falando no cuarto do lado e chamou á muller e ós fillos onda el. “Paréceme que, nese asunto, quen debe decidir son eu”, dixo, “E xa que estou aquí, aquí quero ser enterrado. Non que me leven por aí  de paseo, a airearme dun lado para outro”.

Este, paréceme a min, é o punto de relación entre o caso do meu avó Manuel e a raíña Isabel, aínda que se trate non dunha semellanza, senón dunha diferencia.

Pero este pensamento tróuxome outros á cabeza. E acordeime de como era o loito a gardar polo falecemento dun familiar, e o tempo de duración que debía ter este “signo externo” segundo o grado de parentesco, en tempos da miña infancia. Hoxe en día as roupas de loito son algo, creo eu, desaparecido case por completo nesta terra. E aquí, a voltas, a voltas, acórdome de algo que lin aínda non hai moito, referido ó deceso do monarca Fernando VII, ¡o “Desexado”!

Segundo o decreto firmado por “S. M. a Raíña Gobernadora destes Reinos durante a menor idade da Raíña Nosa Señora dona Isabel II”, os loitos xerais mandados vestir en toda a monarquía, por real disposición de 29 de setembro de 1833, polo falecemento do Señor Rei don Fernando VII, entendíanse polo período dun ano, os seis primeiros meses rigorosos e os outros seis de alivio.

¿Non nos fai pensar esto na distancia de anos que hai entre eses antigos costumes e a realidade actual? E ó falar de loitos e similares tampouco me podo esquecer da utilización polas mulleres do pano á cabeza. Eu xa son vello, é certo, pero algúns máis novos ca min tamén se lembran da utilización maioritaria do pano por parte das mulleres. Só as nenas podían andar “en cabelo”, como se dicía entón. ¡E nós hoxe falamos das retrógradas mulleres do Islam que se resisten, polos motivos que sexan, a prescindir del!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario