O parque de Santa Margarida, na Coruña, onde está a Casa das Ciencias, é un paseo entre placas e monólitos que nos lembran a distintos personaxes galegos das ciencias, incluso hai unha maceira descendente da que se di que inspirou a Newton para elaborar a lei da gravidade, e cada ano a mediados de maio, os rapaces dos institutos e colexios da bisbarra, reúnense neste parque para ensinarlle, a quen se interese, a elaboración de distintos proxectos de laboratorio e experimentos máis ou menos rechamantes. Toda unha feira da ciencia dirixida a fomentar a curiosidade e a animar a futuros investigadores.
Como o doutor Carracedo di, a ciencia tamén é cultura.
Nestas disciplinas Galicia xa non é o que era, pero aínda queda moito por andar. Aquelas pequenas estrelas que un día axudaron a mellorar a industria galega, hoxe son pequenas pero visibles constelacións de científicos que ocupan cátedras e laboratorios por todo o mundo. Que dicir ten do ben que se lle faría á nosa comunidade se todas esas mentes puidesen traballar aquí.
Pensando niso, lembrábamos no noso parladoiro como a principios da década dos oitenta do pasado século (hai tan só corenta anos), escribir sobre ciencia e tecnoloxía en galego era un labor dobremente complicado por mor da falta, incluso, dun vocabulario adecuado para tratar temas que na maioría das veces nos chegaban en inglés con termos que aínda hoxe teñen difícil tradución. Logo apareceron os primeiros libros de texto en galego e a cousa xa foi cambiando. Comezamos a escoitar ós profesores e catedráticos falar de electróns no noso idioma con toda naturalidade, coincidindo co tempo en que a escola de peritos de Vigo lle daba paso a unha facultade de onde, a día de hoxe, saen deseños de alta tecnoloxía que viaxan máis aló da órbita terrestre para pousar sobre Marte.
Para visibilizar a importancia destas ramas do coñecemento, a Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) instituíu no ano 2006 o “Día do Científico Galego”, que no 2014 pasou a denominarse “Día da Ciencia en Galicia”, para festexar a algunha persoa que destacase e puxese a Galicia no mapa científico, e que ó mesmo tempo servise como exemplo a seguir. Así, desde o ano 2008, persoas como o matemático Vidal Abascal, o xeólogo Parga Pondal, o astrónomo Ramón Mª Aller, o químico Antonio Casares ou o xeógrafo Domingo Fontán formaron parte desta lista de honra á que este ano se une o veterinario Juan Rof Codina (1874-1967), quen no seu día, dende Lugo, foi un dos grandes impulsores da veterinaria e a modernización do sector agropecuario en España, así como da promoción do asociacionismo entre os gandeiros. Foi el quen no ano 1905, abriu a Gran Clínica Veterinaria de Lugo, considerada a primeira clínica veterinaria do Estado. E este ano, aínda que a academia quere alongar as celebracións ó largo de varios meses, o acto central na vez do día 8 coma todos os anos, será o día seis de outubro, en homenaxe a este veterinario que, nacido en Cataluña, morou e morreu en Lugo exercendo unha enorme contribución á mellora da hixiene pecuaria ou á renovación das técnicas de produción, involucrándose na creación de entidades aseguradoras para o mundo agrario.
Un acto e un día máis para recoñecer que Galicia tamén é terra de científicos e científicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario