Ós rapaces gregos contábaselle a historia de Narciso para quitarlles a fachenda da adolescencia, e presentábano como un mozo tan namorado de si mesmo e da súa imaxe, que non portaba por ningunha rapaza que del se namorase, porque todas lle parecían pouca cousa. Algo tamén había de arrogancia e vaidade. E por iso, por soberbio, foi cruelmente castigado, facendo que ese amor a si mesmo o levase a contemplarse en todo aquilo que reflexase a súa imaxe; e mirándose nas augas claras dun estanque quixo bicarse e, desesperado de auto-amor por non poder facelo, matouse coa propia espada e do seu sangue naceron as flores que levan o seu nome. Todo isto non tería que pasar se se seguise o consello do meigo Tiresias, pedindo que lle evitasen ó tipo verse a si mesmo.
O mito serve tanto para narcisistas da beleza física como da superioridade social e intelectual, tan seguros de si mesmos que non poden contemplar as virtudes alleas. Teño un veciño médico que pensa que non sabemos ler un termómetro.
Narcisismo e egoísmo van sempre da man. Unha consecuencia moito máis actual do narcisismo é a de evitar a cooperación entre as distintas partes dunha organización por puro sentimento de egoísta prepotencia, a cal encerra o medo a perder un suposto prestixio ou prominencia. O temor a que un colega nos poida quitar o posto.
Claro que contra a vaidade do ególatra está a humildade da camaradería, pero esta non está de moda. O traballo en equipo que tanto nos recomendan todas as empresas e organizacións, como unha maneira de ampliar os puntos de vista e encontrar a maneira máis eficaz de acadar unha meta, vese case sempre freado por esa ansia de querer figurar.
O narcisismo é o irmán xemelgo da vaidade, impedindo a relación con aquel que supoñemos inferior ou non admitimos dentro do noso círculo, o que nos fai manter as distancias con quen non queremos que se nos iguale, poñéndolle barreiras ó coñecemento e á cooperación. Vémolo nas empresas, na comunidade de veciños e nas mesmas asociacións culturais e políticas, que tratan de amosar cara ó exterior unha imaxe de unidade, pero agochan as puñaladas trapeiras, xeralmente entre compañeiros dun mesmo nivel. É algo que se manifesta en todos os estamentos, pero principalmente entre os altos executivos ou aqueles que aspiran a subir un novo chanzo, o que vai en contra das vantaxes que trae para calquera grupo compartir información e colaborar na persecución dun obxectivo común.
Tal vez por iso, non hai empresa, grupo social ou político que non gaste tempo e cartos en cursiños de colaboración e traballo en equipo, e aínda sen recoñecelo directamente, procuran unha estrutura piramidal que lles permita baixarlle os fumes a quen pretende destacar apoucando ós demais. O malo é que esa mesma estrutura promociona a idolatría.
Pasa nas grandes organizacións e nos grupos pequenos. Chega a tal extremo a competencia que ata o amigo Afonso, tras preguntarlle a un compañeiro como se atopaba despois de pasar por urxencias por mor duns mareos que lle deron, animouno a tomar uns días de descanso nas actividades de gaita que comparten na asociación de veciños, pero escapóuselle o sentimento de fondo: “só o tempo de ter eu aprendida a nova peza que estamos ensaiando”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario