Por Pepe de Rocaforte
En Silves hai un castelo. Máis ben case podería afirmar que o castelo é Silves, atalaia no alto dun outeiro desde onde vixía os campos de oliveiras e laranxeiras que se afastan cara ó mar en ondulacións serpeantes, mentres a fortaleza acumula nas súas pedras o lume solar en que as chicharras amasan o canto da canícula.
O rio Arade, preguizoso, pérdese en meandros camiño da costa, onde son o ruído e os turistas, despois de refrescar os pés desta antiga cidade onde Afonso X, aquel rei que chamaban "O Sabio", xa saben, mandou construír unha catedral sobre os cimentos da mesquita mourisca que antes ocupara o seu lugar. Catedral que se ergue como unha réplica do castelo que a domina desde o alto, maciza a pesar das súas vidreiras góticas con vocación guerreira.
Non só destes, senón de moitos máis monumentos está chea esta vila pacata, segundo o apelativo dun amable informante indíxena, que no ton da súa voz deita saudades do turismo cosmopolita de Carvoeiro e Albufeira, tan próximos e ó mesmo tempo tan afastados, mentres me recita loanzas para a ponte medieval, o Arco da Rebola ou o torreón das Portas da Cidade.
Pero, entre todas, eu quixera destacar outra cousa, porque á entrada da vila, pola estrada procedente de Lisboa, a uns cen metros antes do cemiterio hai un cruceiro, un fermoso cruceiro protexido por un baldaquino do século XVI.
O cruceiro, construído en pedra caliza, ten gravada a data de 1824, anque sospeito que tal gravación se debe referir a unha reconstrución e non á época da construción orixinal. A cruz, moi traballada, nun manuelino inxenuo e rural, cunha Dolorosa na parte posterior que semella agarrar ó Cristo como un músico de rock agarra a súa guitarra, atráeme de tal xeito co seu candor que boto de menos non ter a habelencia de Castelao para me poñer a debuxala.
Pararíame con especial atención no deseño das oito cunchas de vieira, catro en cada extremo dos brazos da cruz, polas súas reminiscencias compostelás, ás que logo lle atoparía explicación, non sei se certa ou errada, ó ter información de que o conquistador da cidade ós mouros en 1242, Paio Pérez Correa, era Maestre da Orden de Santiago.
Xunto ó cruceiro hai un pozo do cal, noutros tempos, podería beber quen pasase. Hoxe non. Quizais polo aquel da non potabilidade da auga, cerraron o seu brocal cunhas grades de ferro que lle impiden ós degustadores impenitentes catar o seu sabor.
Así e todo, a pesar da inaccesibilidade do pozo, desfrútase dun fresco reparador no pequeno xardín que rodea o monumento, e no caír da tarde o turista fatigado agradece o repouso a carón do silencio dos campos, mentres a cidade coroada de murallas se recorta contra o solpor e o arrecendo das figueiras embalsama o aire do Algarve.
Un cruceiro baixo tellado, unha sombra arbórea e un pozo a carón do camiño; velaí nesta hora da tardiña o mellor regalo para o camiñante sen présa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario