venres, 19 de maio de 2023

LIBROS E LETRAS GALEGAS

Por Pepe de Rocaforte


A celebración do “Día das Letras Galegas” fíxome acordar do primeiro libro en galego que merquei con cartiños do meu peto. Deso hai xa unha pila de anos, sesenta polo menos, e aínda conservo o título, e máis o importe, na memoria, principalmente pola cantidade que, para os meus anos, tiven que xuntar: ¡trinta e cinco pesetas, nada menos!, cando o prezo máis elevado para as miñas curtas posibilidades eran, como máximo, as doce pesetas que custaban os títulos de “Plaza – Janés”, como por exemplo “La puerta de paja” de Vicente Risco, aínda que ese título non o merquei en Clemente, senón noutro local máis ou menos similar, na rúa das Tendas, apegado á catedral, debaixo da imaxe de San Martiño partindo a súa capa cun pobre.

O “Don Hamlet”, xa digo, merqueino na librería de Clemente, na rúa do Progreso, máis ou menos enfrente do edificio da Deputación ourensá. Alí, no escaparate que compartía a entrada da librería coas escaleiras de acceso ós pisos da vivenda, se non lembro mal, un acceso humilde para unha librería humilde, pero na que sempre había exemplares interesantes, foi onde me fixen co meu primeiro exemplar en galego.

¿E que motivo me levara a adquirir ese título? Non é algo como para me sentir moi orgulloso, pero téñoo que contar: Algún tempo antes, nunha visita á casa dun meu tío, meu fornecedor de literatura galega naqueles anos cincuenta do século pasado, este meu parente botou man a algúns exemplares da súa librería para emprestarmos. Creo lembrar que se trataban de “Non agardei por ninguén”, de Ramón de Valenzuela, “Os camiños da vida”, de Otero Pedrayo, e o “Don Hamlet” de Cunqueiro.

Con este último libro nas mans, mirou para el, mirou para min, sopesouno como para avaliar o contido do volume e finalmente dixo: “Bo, este non cho vou deixar de momento porque ten algunhas cousas que non están moi ben para nenos. Cando medres algo máis xa o poderás ler”,


Como vostede, lector amigo, pode supor, a partir dese mesmo instante propúxenme buscar nalgunha das librerías ourensás un exemplar do libro de Cunqueiro, e o primeiro e paréceme que único que vin, como dixen, foi o do escaparate de Clemente, de onde saín con el máis satisfeito que se me tocase a pedrea na lotería.

E falando do escaparate de Clemente, o Pepe Fernández Ferreiro contoume unha vez que nunha volta de inspección polas librerías da cidade cando acababa de publicar o seu primeiro libro, “Ribeirana do Sil”, veu a Otero Pedrayo, de paseo pola rúa, pararse a botar unha ollada ós libros e logo entrar no local. Ferreiro non soubo se o home comprou ou non comprou aquel seu primeiro poemario. Veuno entrar e veuno saír, eso si, pero non se atreveu a achegarse a el e dárselle a coñecer como o autor daquela xoia que refulxía  no escaparate, e logo preguntarlle se o mercara ou non.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario