Soroni é unha aldea da illa de Rodas, no Mar Exeo, cuns mil douscentos habitantes. Alí celébrase a festa máis importante da illa segundo conta Lawrence Durrell, quen durante a súa estancia no país, nos anos corenta do século pasado, asistiu á romaría atraído pola sona do santuario.
Os santos exeos, explica Durrell, máis que obxecto de devoción, cumpren o papel dun mortal que ten contacto con Deus e lle conta os problemas polos cales os seus festeiros necesitan a axuda divina. Este santo non ten poderes taumaturxicos, trátase dun mediador entre os mortais e a divindade, a quen lle traslada as peticións dos seus devotos.
As tres reliquias máis veneradas de Rodas, a man de san Xoán Bautista, que lle foi cortada polo evanxelista Lucas para que o santo coubese na caixa en que ía ser transportado; a cruz feita coa madeira de aquela en que Cristo foi executado; e o icono de Nosa Señora de Fileremo.
Os rodios, por circunstancias que non acabei de entender ó dereito, perderon a imaxe de Nosa Señora, pero tiveron a cambio outro santo que, segundo conta Durrell, a mediados do século pasado ía camiño de ocupar o posto con anterioridade ocupado pola Nosa Señora. Este santo, coñecido como Saúl, ou San Soulas, discípulo de Paulo de Tarso, con quen chegou a Rodas para levar a palabra de Deus ós naturais do país, acabou por se asentar en Soroni, onde atopou un antigo altar cun manancial de auga quente que co paso do tempo acollería a romaría máis popular e concorrida de Rodas.
Durrell contou para os lectores do seu xornal a viaxe a Soroni o día da festa, coa xente que chega en camións entre nubes de poeira, homes con cestas de rosquillas e froita para vender arredor da capela, nenos que corren entre os postos onde ofrecen pasta de améndoas, mazapán, doces de pistacho. Outros homes que cavan pozas que encherán con brasas nas cales asar as ovellas e bois para o xantar...
O relato de Durrell lembroume as romarías da miña infancia, algunhas das cales deixaron forte impresión en min. Recordo a reste de mulleres camiñando de xeonllos polo carreiro sementado de pedras na subida ó santuario dos Milagres de Amil, en Moraña; a puxa dos xamóns levados ó santo polos festeiros ofrecidos no san Xorxe de Cereixo, na Estrada; o san Gundián da Ponte Ulla coa fonte onde nos lavaban ós nenos, nacida dentro da igrexa.
E un recordo especial para o San Lois de Orazo, coa lembranza do conto “Na festa do San Lois”, de Manuel García Barros, onde se refire o problema do tío Mosteiro, sen diñeiro ningún, polo cal tivo que lle pedir prestadas no maior segredo dúas pesetas a un veciño, porque aquela festa non se podía perder.
E nada máis entrar o tío Mosteiro na capela coa muller do ganchete, oe ó crego padricando no púlpito: É de louvar, amados fieis, a vosa devoción ó glorioso san Lois, a quen lle traedes a vosa esmola, a pesar de quedardes sen un patacón no peto. Aínda que tamén hai moitos que veñen e nin entran na capela, pero van gastar en viño dúas pesetas que pediron prestadas e teñen que ilas gañar despois rozando no monte...
O tío Mosteiro montou en cólera. Sen máis saíu da capela e foi buscar o veciño prestamista. Cando o atopou sacou do peto as dúas pesetas aínda sen gastar e plantoullas na cara. ¡Toma as túas dúas pesetas, senvergoña, que o primeiro que fixeches foi contarlle ó crego que me emprestaras os cartos para vilos gastar aquí en viño.
O veciño quedou pampo: el non falara do asunto nin co crego nin con ninguén. Xurouno e perxurouno e o tío Mosteiro acabou polo crer.
Pasado o tempo, cando o home falaba do asunto, repetía cheo de admiración: Así e todo quen estuda, moito sabe, e con quen sabe non se pode un enfrentar. ¡Quen me diría a min que rozando o toxo no monte ganei despois as dúas pesetas, mesmo como o crego dixo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario