Casa natal de Murguía |
Unha vez máis, e neste caso no ano do centenario do seu pasamento, volvemos a lembrar esa curiosa circunstancia que fixo nacer a Murguía, un 17 de maio, no lugar do Froxel, parroquia de san Tirso de Oseiro, en Arteixo.
Don Antonio Fraguas e don Vicente Risco, seguramente seguindo a versión dada por Murguía ou as súas fillas, contan da devoción mariana da nai do Patriarca, pola que peregrina dende A Coruña ata o santuario de Pastoriza, e no camiño, cando lle veñen as dores do parto, é acollida na casa do labrego Antonio Pan do Froxel, onde da á luz a un neno. Claro que, para quen coñece estes lugares, non lle cadra que a muller, con dores de parto vaia parir uns tres quilómetros máis aló do lugar de destino, como se a xente de Pastoriza non fose suficientemente hospitalaria cunha parturiente. Don Antonio Fraguas, na biografía publicada en 1979 xa nos adianta que os do Froxel eran amigos da familia, pero non di de onde viña esa amizade entre un santiagués e un arteixán.
Por boca dunha señora, nonaxenaria, da parroquia de Oseiro, chegounos a nova de que a razón para parir en lugar tan aparentemente impropio podía ser que dona Concepción Murguía estivese tomando as augas no balneario de Arteixo, e indo para facer unha visita á Virxe de Pastoriza, lle viñesen as dores na Costa de Oseiro, polo que foi acollida na casa dos “Crego”, no lugar do Froxel; un lugar arredado da estrada que ela loxicamente debía de seguir, e onde tamén hai casas nas que lle sería máis doado ser atendida. Con todo, a explicación era moito máis aceptable e así o deixamos recollido en varias ocasións, pero a dúbida persistía, aínda a pesares da suposta amizade familiar.
Segundo o profesor Barreiro, unha muller encinta non ía tomar os baños porque non eran bos para as embarazadas, co que, segundo el, esta hipótese tampouco é válida. Logo, ¿como aparece unha muller grávida na casa de Manuel Pan, de alcume familiar “os Crego”, e de alcume posterior “O Médico”, posto que tanto el como algún descendente exerceron de curandeiros na parroquia de Oseiro?
Cando tivemos acceso ós libros parroquiais de bautizo descubrimos que, no momento de nacer, os pais de Murguía non estaban casados, e actúa como padriño Manuel Pan, quen se permite incluso poñerlle o seu nome ó naipelo.
Intuímos, en base a historias familiares que nos contou o historiador arteixán Xabier Maceiras, que este Antonio Pan foi compañeiro do pai de Murguía cando eran estudantes de farmacia e medicina en Santiago, carreira que o arteixán non rematou, pero de quen se conservaron ata non hai moitos anos os seus libros na casa dos “Crego”, a casa natal do Patriarca, e que incluso exerceu como médico e foi denunciado por intrusión profesional.
Apoiado nesa amizade estudantil, don Juan Martínez puido pedirlle o favor ó seu amigo para que acollese á súa prometida e así sacar o escándalo do seu embarazo de diante da veciñanza; e algo máis de dous meses despois, o 27 de xullo de 1833, casan don Juan e dona Concepción na igrexa de san Nicolás, na Coruña, e “legalizan la prole”, como o mesmo libro de bautismo di en nota á marxe.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario