Don Lisardo Rodríguez Barreiro, natural de Noia e afincado profesionalmente en Vilagarcía, sabía que a literatura non lle ía dar de comer, por moito que o de escribir fose un dos seus motivos vitais, pero si foi o que lle deu algún inesperado desgusto.
Xa antes de escoller a profesión da que vivir, colaboraba no periódico fundado por don Ramón del Valle Bermúdez (o pai de Valle-Inclán), La Voz de Arosa, e logo, sendo estudante de farmacia, en cada revista ou xornal que aceptase as súas colaboracións, asinando como Lisardo Barreiro. Con vinte e dous anos publicou o seu primeiro libro de poemas, e a principios de 1885, tras pasar por Palmeira para visitar a quen fora o seu mestre de primeiras letras, don Ignacio Martínez Malvido, sacará un longo artigo en La Voz de Galicia, no que nos dá unha curiosa impresión sobre esta vila, con abundantes datos sociais e económicos.
A Vilagarcía chegou xa casado, despois de exercer como facultativo durante a epidemia do cólera de 1885 e de obter un cargo de inspector sanitario, para controlar os barcos e os emigrantes que partían para América. Pero o gusto pola escrita vai máis aló do puramente literario, pois ó largo dos anos tamén contribuíu con varios artigos científicos, ademais de manter un parladoiro na súa farmacia, onde tivo como mancebos a Lustres Rivas e Julio Camba, e ó que nalgunha ocasión acudiron persoeiros como Cabanillas, Castelao ou Valle-Inclán.
Home temperamental, que non
sempre sabía estar calado, incluso chega a fundar algún que outro
periódico, para expresar o seu parecer sen censura de ningún
director, e talvez sen medir as consecuencias das súas palabras,
pois un trinta de marzo de 1898, ás seis da mañá, no porto de
Vilagarcía, por discrepancias políticas recibiu unha trompada do
médico e exalcalde, Castor Sánchez, de tendencia liberal, ó que
don Lisardo respondeu cunha vareada do seu bastón. Non era esta a
primeira vez que se vía nalgún incidente parecido, pois uns dez
anos antes, tamén por discusións políticas, acude ós tribunais
despois de ser atacado en plena rúa por culpa dalgún artigo e tras
despacharse co seu contrincante a golpe de bastón.Vilagarcía
Como nota simpática, cando puido ser tráxica, figura unha aposta do consignatario de buques García Reboredo, de que era capaz de facerlle pasar unhas falsas cartillas de emigrantes con destino a Arxentina para que as asinase. Pero don Lisardo axiña se decatou, pois os nomes que figuraban nas mesmas eran de ministros da ditadura de Primo de Rivera e incluso do mesmo ditador. Tras a discusión que o feito provocou, por algo que non se aclara, don Lisardo acaba asinándoas, e sábese que as autoridades arxentinas nunca se decataron do engano (¿entraría el na aposta?).
Desgustos á parte, don Lisardo, que ingresou na Real Academia Galega en 1939, deixou entre as súas obras unha serie de impresións recollidas baixo o título de Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia, que publicou en 1890, e tamén unha biografía que permanece inédita.
Este, médico e farmacéutico, de quen don Joaquín Díaz de Rábago dixo que era o ”prototipo de bohemio”, nalgún momento da súa vida dixera aquilo de “para o que discute está a pluma e para o que insulta o bastón”.
Finou un catorce de maio de 1943, hai agora oitenta anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario