sábado, 3 de outubro de 2026

San Francisco de Asís



      

Este catro de outubro cúmprense oitocentos anos da morte de san Francisco de Asís, polo que non está de máis lembrar a quen lle sacou as cores á opulenta clase eclesiástica, e sen embargo canonizárono no tempo récord de dous anos, en 1228.

Porque el, de nome real Giovanni di Pietro di Bernardone, ben podía vivir das rendas do negocio paterno de teas, ou ensinando idiomas, pois por saber francés, aprendido cando acompañaba a seu pai ás feiras de Francia, os paisanos alcumábano de Franchesco e de aí lle vén o nome con que o coñecemos, máis preferiu unha vida de total austeridade. 

Sen pasar polo seminario, entendía e apreciaba as doutrinas de Cristo baseadas na pobreza, ata facer cousas que alporizaban a seu pai cando o mandaba a cobrar unha débeda e gastábaa repartindo esmolas entre todos os pobres que atopaba antes de chegar á casa.

A súa vida está chea de anécdotas moi curiosas como a de querer explicarlle ó sultán de Exipto os principios do cristianismo en plena contenda das Cruzadas; convencer a unha veciña de dezaseis anos, Clara, quen tamén acadaría a santidade, filla dunha adiñeirada familia, para que deixara a casa paterna e se acollese á súa orde baixo uns principios de extrema pobreza e mendicidade, ou tratar a todos os animais como irmáns, fosen lobos ou paxariños, como ós seus seguidores, que non son monxes, senón freires, cuxo étimo vén do termo latino para irmáns.

No seu tempo Europa viuse favorecida por un auxe do comercio, do que a Igrexa, posuidora de grandes extensións de terreo, elevou ós seus membros ó carro dos ricos e influentes, en contra do que moitos entendían que ditaban os evanxeos. E neste ambiente en que se discutían cousas tan arduas como se a capa que vestía Cristo era mercada ou regalada, como se nos conta na novela O nome da rosa, apareceu Giovanni para lembrar que Cristo non tiña propiedades e vivía da caridade.



        

Aínda así, debía levar nos xenes o espírito negociante de seu pai, pois non tardou en encontrar a maneira de que os seus seguidores tivesen un teito baixo o que acollerse. Un exemplo témolo na súa peregrinación a Compostela en 1214 cando lle pide ó carboeiro Cotolai que procurase un lugar para acoller ós seus seguidores, e escolleu un solar chamado o Val do Inferno, que eles deciden converter en Val de Deus, pero como non tiñan diñeiro, por inspiración divina, o santo mandoulle a Cotolai cavar a carón dunha fonte, onde apareceu un tesouro suficiente para construír o convento, segundo a lenda recollida por don Leandro Carré.

Sen embargo, en san Martín Pinario contáronme outra versión moi distinta: sinalando unha imaxe do santo con un cesto de troitas, dicíanme que era a única imaxe na que se representa a san Francisco con troitas (logo souben que hai outra no museo provincial de Lugo e un cadro de Landeira y Bolaño no mosteiro de Antealtares), porque o solar onde está o convento foi doado polos monxes de san Martín Pinario a troco dun cesto de troitas cada ano. Unha renda ben barata que seguen cumprindo anualmente cada once de novembro.

Como queira que sexa, esta segunda versión paréceme máis propia para ser do fillo dun comerciante.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).