Amosando publicacións coa etiqueta siciedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta siciedade. Amosar todas as publicacións

sábado, 23 de maio de 2026

O pecado global

 


Xa había tempo que non falabamos do Virulillas, pero acordounos mentres discutíamos sobre iso do odio, os ciumes e a envexa que Unamuno definía como o pecado nacional. Todo vén a conto despois de que alguén lese a novela de don Miguel, Abel Sánchez, onde se enmarañan todos eses malos sentimentos. Sen embargo, o amigo Xulio opinaba que non toda a envexa é mala, e se nalgúns casos, como nesa novela, pode levarnos polo camiño da zuna e a xenreira, noutras ocasións tamén se pode converter en desexo e ansia de superación. Así, por exemplo, moitos emigrantes, por non ser menos cos veciños que antes ca eles colleran os camiños da diáspora, trataron de imitalos e acadaron unha prosperidade que doutro xeito lles estaría negada. Claro que igual haberá que distinguir entre envexa e imitación.

Ó Virulillas todos o envexábamos porque tiña o único balón con que podiamos xogar, e ó mesmo tempo el envexábanos a nós porque sen nós non gañaría un partido; todo o cal facía que xerásemos pecados tan pouco aconsellábeis como a ira ou a perfidia, que tantas veces tiñamos que reprimir porque el tiña un curmán que apertaba o pantalón con un cinto dous furados máis longo co de calquera de nós. Outras veces convertíamonos en aduladores, só por ter a posibilidade de patear una pelota baixo as súas regras. E envexábamos a quen era escollido para xogar cando, por calquera nimiedade o Virulillas deixábanos fóra da convocatoria. Daquela tamén eramos aprendices de diplomacia, unhas veces facendo ouvidos xordos e outras estendendo un rumor que debilitase ó inimigo, nada diferente ó que vemos e oímos cada día nos telediarios.

 


De envexas e odios xa nos falan nas primeiras páxinas do libro da Xénese, cando Adán e Eva toman consciencia e deciden non resignarse a ser simples pasmóns no Paraíso, arrepoñéndose contra un destino imposto, decididos a probar o froito prohibido e levar a consabida bronca Padre por darse tan pracenteiro gusto. E agora agradecémosllo, porque, segundo nos deixa entender o libro sagrado, se non o fixesen non terían descendencia, e nin quen isto le nin quen isto escribe estaríamos aquí. Pola contra o exemplo negativo veu coa actitude dos fillos, que, porque a un lle ían ben as cousas e ó outro máis ben mal, acabaron da peor maneira posíbel.

E o mundo continuou e por aí andan desgobernando uns e outros rodeándose de aduladores e opositores, para maior gloria dos pecados capitais.

Agora, cos anos, hai quen di que aquela do Virulillas a nós e de nós ó Virulillas era unha “envexa san”, pero, ¿quen entende ese oxímoron onde dúas palabras aparentemente opostas se unen para darlle un significado contraditorio? Porque a tal envexa, cando non é afán de imitación é rabia de incapacitado.

E como nin eramos tan malos nin tan malvados, senón que cada quen, na medida do posíbel, tan só quería darse a valer diante dos demais mentres aprendíamos os enredos da convivencia, tampouco eramos diferentes a tantos santos que, sendo estritos, habería que sacar do santoral porque o único que fixeron foi pecar de envexa e todo o que con ela vén, afanándose por destacar sobre o populacho, tan só preocupados porque o ser supremo vexa, aprecie e premie a súa submisión.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

sábado, 20 de febreiro de 2021

Ofertas eivadas

 

         

Na feira dunha vila de cuxo nome non vou esquecerme, procuraba en certa ocasión os produtos máis naturais posibles para preparar un cocido de entroido, cos ollos nun posto e o oído no do lado, cando escoitei como un feirante lle contaba a alguén dunha colleita de grelos esaxeradamente abundante que non daría vendido e tería que tirala ó lixo.  Aconselloulle o outro que lla dese ós animais e aforraría penso, pero a tal proposta escandalizou o froiteiro, pois como lle ía dar ós animais aquela verdura que estaba chea de químicos. “Os animais son para o consumo da casa”, rematou.

Non me imaxino a un representante de aspirinas recomendarlle a un farmacéutico que venda mellor bolsiñas de tila ou follas de tabaco, que era o remedio que as cigarreiras coruñesas usaban, atándoas á fronte, para calmar a dor de cabeza, como nos lembra a Pardo Bazán en La Tribuna.

Hai anos criticábase a un ministro de educación (cuxo nome non quero lembrar) por recortar o presuposto da escola pública e mandar ós seus fillos á privada. Evidentemente, ese señor debería ser destituído de inmediato por hipócrita, por ofrecerlle ó pobo o que lle negaba ós seus propios fillos. Tan pouco ético é iso como saltarse a quenda de vacinación, nesta sociedade onde é tan manifesto o complexo de inferioridade que nos abrangue, do rei abaixo, a todos, sen distinción de clase ou categoría, onde quen non se cola é un paspán, xa sexa facendo uso do status como por medio da pillaría, xa sexa diante do despacho de billetes do cine como na cola do supermercado, esa manía tan estendida de non querer ser menos ca ninguén, de amosar do modo que sexa que se está por encima do resto.

    
Tamén tiña o amigo Xulio por costume mercarlle as patacas a un produtor local con tenda de comestibles. Pero un día, mentres esperaba para ser atendido, escoitou como aquel lle confesaba a unha cliente que na súa casa consumían unhas colleitadas e embaladas noutras terras, a un prezo moito máis barato e ó parecer de mellor calidade. Xulio sentiuse traizoado, deu media volta e marchou acordándose do meu feirante. Quen se fía de algo do que nin se fía quen o ofrece? O malo é cando non podes dar media volta. Se o mesmo produtor non consume o seu propio produto, que pode esperar?

Xulio queixábase da falta de compromiso co que en teoría debemos defender e mellorar, e non se imaxina que el, mestre nun centro público, matriculase ós seus fillos na privada. Que clase de mensaxe se manda con esa aparentemente insignificante actitude, con esa mostra de liberdade para escoller a escola dos seus se el mesmo está dicindo que non se fía?

Mal se o fai un ensinante e mal se o fai un representante público. Eses son os actos que eivan democracia, ó portarse como o freire aquel do coñecido consello: “Fai o que eu che digo pero non o que eu fago”. E se nos din que a escola pública é a máis igualitaria e democrática, ou que os seus profesionais son do máis competente porque, para empezar, han de superar (suponse) un duro proceso de selección que (na maioría dos casos) non ten a privada, non creo que mandar ós cativos dun mandatario a un centro de fóra sexa un bo exemplo para ninguén, nin sequera para o propio fillo.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).