sábado, 23 de maio de 2026

O pecado global

 


Xa había tempo que non falabamos do Virulillas, pero acordounos mentres discutíamos sobre iso do odio, os ciumes e a envexa que Unamuno definía como o pecado nacional. Todo vén a conto despois de que alguén lese a novela de don Miguel, Abel Sánchez, onde se enmarañan todos eses malos sentimentos. Sen embargo, o amigo Xulio opinaba que non toda a envexa é mala, e se nalgúns casos, como nesa novela, pode levarnos polo camiño da zuna e a xenreira, noutras ocasións tamén se pode converter en desexo e ansia de superación. Así, por exemplo, moitos emigrantes, por non ser menos cos veciños que antes ca eles colleran os camiños da diáspora, trataron de imitalos e acadaron unha prosperidade que doutro xeito lles estaría negada. Claro que igual haberá que distinguir entre envexa e imitación.

Ó Virulillas todos o envexábamos porque tiña o único balón con que podiamos xogar, e ó mesmo tempo el envexábanos a nós porque sen nós non gañaría un partido; todo o cal facía que xerásemos pecados tan pouco aconsellábeis como a ira ou a perfidia, que tantas veces tiñamos que reprimir porque el tiña un curmán que apertaba o pantalón con un cinto dous furados máis longo co de calquera de nós. Outras veces convertíamonos en aduladores, só por ter a posibilidade de patear una pelota baixo as súas regras. E envexábamos a quen era escollido para xogar cando, por calquera nimiedade o Virulillas deixábanos fóra da convocatoria. Daquela tamén eramos aprendices de diplomacia, unhas veces facendo ouvidos xordos e outras estendendo un rumor que debilitase ó inimigo, nada diferente ó que vemos e oímos cada día nos telediarios.

 


De envexas e odios xa nos falan nas primeiras páxinas do libro da Xénese, cando Adán e Eva toman consciencia e deciden non resignarse a ser simples pasmóns no Paraíso, arrepoñéndose contra un destino imposto, decididos a probar o froito prohibido e levar a consabida bronca Padre por darse tan pracenteiro gusto. E agora agradecémosllo, porque, segundo nos deixa entender o libro sagrado, se non o fixesen non terían descendencia, e nin quen isto le nin quen isto escribe estaríamos aquí. Pola contra o exemplo negativo veu coa actitude dos fillos, que, porque a un lle ían ben as cousas e ó outro máis ben mal, acabaron da peor maneira posíbel.

E o mundo continuou e por aí andan desgobernando uns e outros rodeándose de aduladores e opositores, para maior gloria dos pecados capitais.

Agora, cos anos, hai quen di que aquela do Virulillas a nós e de nós ó Virulillas era unha “envexa san”, pero, ¿quen entende ese oxímoron onde dúas palabras aparentemente opostas se unen para darlle un significado contraditorio? Porque a tal envexa, cando non é afán de imitación é rabia de incapacitado.

E como nin eramos tan malos nin tan malvados, senón que cada quen, na medida do posíbel, tan só quería darse a valer diante dos demais mentres aprendíamos os enredos da convivencia, tampouco eramos diferentes a tantos santos que, sendo estritos, habería que sacar do santoral porque o único que fixeron foi pecar de envexa e todo o que con ela vén, afanándose por destacar sobre o populacho, tan só preocupados porque o ser supremo vexa, aprecie e premie a súa submisión.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario