sábado, 31 de outubro de 2026

A pesca recreativa e a toponimia



Cando o pai de Xulio viña de vacacións, sempre tiña a alguén de man que lle prestase unha dorna para ir de pesca algunha que outra tarde e levábao a el. Daquelas xornadas quedoulle na memoria a chegada á casa coas fanecas que súa nai preparaba para cear, as pequenas para fritir e as grandes para torar en caldeirada. Tamén aprendeu daquela a preparar unha liña, empatar un anzol ou remar. Por aquel entón, para ir de pesca por afección só se necesitaba ter ganas, agora a cousa non é tan doada; ademais de todo iso hai que ter licencia, un seguro e dar parte das capturas vía internet. Ou sexa, hai que ter papeis en regra e teléfono móbil.

Xulio tamén lembra como aprendeu con seu pai a marcar as fanequeiras levando á práctica ese postulado da xeometría que di que dous puntos definen unha recta, e dúas rectas que se cruzan sinalan o vértice do ángulo onde situar a fanequeira, poñendo en práctica a teoría que lle ensinaban sendo alumno dos primeiros cursos do instituto. Era a ancestral maneira de fixar os postos onde por tradición se sabía que había peixe. Logo, a maiores, segundo a marea, as correntes e os ventos, un pescador ha de saber deixarse caer máis para norte ou para sur. Pero ademais, esa maneira de sinalar onde fondear tamén lle ensinou unha serie de palabras relacionadas coa rica toponimia costeira, empezando polas fanequeiras que de cando en vez nos recita: o Nuno, Sarrozo, Lodeiro e moitas máis, das que lembro por proximidade á miña casa a de “Saíñas” que marca a Illa dos Ratos coa terceira fiestra por norte da fábrica de Canucho e o encascador da Cambra a través da insa da Pirilla. Claro que agora xa non existen nin a de Canucho nin o encascador, e suponse que os pescadores xa buscarían outra maneira de sinalar ese posto, pero queda na memoria onde houbo unha fábrica e un encascador.


Xulio tenme ensinado, na súa casa, varios cadernos herdados de seu pai e de seu avó, onde se recollen máis de cen postos de pesca cos nomes de lugares costeiros que servían para sinalalos, unha riqueza toponímica que nos dá conta de antigos nomes de pedras e outeiros, algún xa perdido na memoria colectiva, pero que el aínda lembra daquelas tardes de pesca e de reler eses cadernos, verdadeiros compendios de toponimia. Claro que agora, se lle vas con isto a calquera pescador dirache que xa ten o GPS, que ata che deixa ver que peixe hai no fondo. Mais sen ese método tradicional de marcas estanse perdendo moitos nomes de lugares e con eles esa riqueza lingüística que nos dá conta da orixe ou da historia do lugar nomeado.

¿De onde vén que se lle chame as Lobeiras a unhas pedras no medio do mar, se xa ninguén lembra ver lobos, suponse que mariños, por estes lares? ¿De onde vén o de Entocadora, ou mesmo Cambra? ¿Lembra alguén que Modorrón e o nome que de antigo se lle daba ás dunas?

Algún día teño que acompañar ó amigo Xulio a dar un paseo para que me ensine todos eses nomes que bautizan e definen a historia dos nosos mares.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario