Xulio tenlle unha querenza especial á gaita dende moito antes que o señor Fraga, nun alarde de pseudo-galeguismo tardío, enchese con máis de mil gaiteiros as rúas de Compostela o día da súa primeira toma de posesión como presidente da Xunta.
Tamén sabemos que ó Xulio lle encanta escoitala en lugares abertos, dende o cume da Curota ata o faro de Corrubedo, a carón dunha mámoa do Iroite ou ó pé dun cruceiro, e este verán tivo o agasallo de sentila sobre unha batea, co acompañamento do son das ondas marcando o compás. E sempre polas festas parroquiais, cando oe ós gaiteiros co seu pasarrúas sae a escoitalos, porque ó seu entender é o mínimo que pode facer para gratificar a quen patea os camiños animando a parroquia e a cada un de nós, e agora que ten unha pequena na casa, sae con ela para que tamén a cativa participe do agasallo.
E este feito debeu de gustarlle ós gaiteiros do grupo Riparia, que este verán pararon na porta da súa casa para agasallalos con unha muiñeira cantada. E traio isto a conto porque, segundo el, os aplausos con que os despediron quedaron curtos para tan alto regalo, que incluso animou a súa irmá a bailala lembrando os anos en que ela pertenceu a un grupo folk.
Conteille esta anécdota a un profesional, director musical dunha das principais agrupacións folclóricas galegas, fundada no tempo das Irmandades da Fala, quen me contou do mal que tratan moitas veces os gaiteiros, casos nos que lles piden, a maiores, que queden para amenizar a sesión vermú, ás veces en poboacións a máis de cen quilómetros de distancia das súas casas e nin os invitan a un bocadillo, como se o gaiteiro fose unha categoría inferior, como se chamalos para tocar fose facerlles un favor.
Sen embargo, cando hai anos entrevistei a un vello músico, de profesión carpinteiro, contoume do ben que os agasallaban cando o palco se improvisaba sobre un carro de vacas, como os invitaban a xantar e lle poñían a mellor cama da casa para pasar a noite; pero, en xeral, non sei que pasa cos músicos populares, que ata o dicionario da Real Academia Galega recolle, como terceira acepción da palabra gaiteiro, a Persoa alegre e algo atolada.
¿Ou será que se envexa ó gaiteiro porque con esa súa gaitiña ás nenas ha de enganar, que dicía Rosalía?
Xulio falábanos estoutro día da anécdota que lle ten contado seu avó, sobre un grupo do seu tempo, que por estar formado por xente que se gañaba a vida noutras profesións máis estábeis, un escribidor de Ribeira publicou un artigo no que os trataba, como pouco, de charanga ruidosa. Mais quixo a casualidade que este señor se vise na obriga de chamalos para algunha festa local, para a que os músicos prepararon unha peza con intención de botarlle en cara a maldade do seu artigo, algo que viña a dicir: Fulano, Fulano, Fulano, e puxéchenos no diario, Fulano, Fulano, Fulano, e tocácheste o carallo, pero o día da actuación, o tal Fulano foi quen os recolleu, quen os acompañou e agasallou cunha farturenta parva, e daquela, demostrando bonhomía, os músicos decidiron perdoalo e tocar a peza ensaiada sen cantar a letra.
Francisco Ant. Vidal



Ningún comentario:
Publicar un comentario