Nada é eterno. Neste tempo de defuntos acórdame botar unha mirada ó noso entorno para ver cantas cousas dormen o soño dos xustos ou fican nun estante para lembrarnos que a vella tecnoloxía é como unha Santa Compaña que anda canda nós, acurrunchada a carón dos retratos dos ausentes para lembrarnos o pasado.
Nalgún cornecho da casa teño unha máquina de escribir chea de po, o sextante dun antepasado co que aprenderon a medir a latitude moitos veciños que estudaron náutica, un pesado teléfono de baquelita, negro e co seu dial branco; aparellos que non teñen moito tempo, que funcionaron e deron servizo, pero foron superados por outros que algún día tamén serán refugallos da tecnoloxía.
Falabamos disto a conta do telescopio Swift, que estes días de defuntos, despois de máis de vinte anos enviando fotos e datos do universo mentres orbitaba a Terra, foi perdendo forza e a gravidade acelerou a súa caída para que se desintegrase formando unha chuvia de cinzas. O mesmo lle agarda, nun tempo máis ou menos longo, ós máis de dez mil satélites artificiais que nos rodean pululando polo espazo, tantos que ata parece un milagre que non choquen entre si. A maioría deles, unha vez rematada a misión para a que foron deseñados quedarán abandonados á súa sorte, convertidos nun montón de chatarra atrancando o ceo ata que vaian cedendo nese equilibrio entre a velocidade que os mantén en órbita e a forza da gravidade. E aqueles que non caian seguramente acabarán perdéndose no universo camiño de ningunha parte. Pero mentres sigan recibindo o alento vital dunha raxeiriña de sol nas súas ás, seguirán enviando fotos e telegramas; á fin eles teñen algo deses espías de película que, unha vez xubilados, non perden actividade e permanecen atentos e comprometidos coas ordes que levan gravadas no seu ADN ou no disco duro ata o último suspiro, convencidos de que sen eles o mundo sería un caos, non teríamos comunicacións nin veríamos a televisión americana, os automobilistas seguiríamos usando os mapas de estrada e non poderíamos saber por adiantado se vai chover ou facer sol para a fin de semana.
E pensar que todo empezou hai setenta anos, cando os rusos puxeron en órbita o Spunik 1, que revolucionou a ciencia e abriu unha guerra de competencia por ver quen chegaba máis lonxe ou facía a cousa máis rara ou arriscada; aínda que este quedou sen batería ás poucas semanas, porque daquela aínda non pensaban nas células solares que agora ata alimentan os farois do xardín, e en tres meses acabou desintegrándose. Del só queda algún debuxo para lembralo nese recuncho dos ausentes.
Tamén a universidade de Vigo puxo os seus artefactos en órbita: O Xatcobeo que estivo dous anos e medio dando voltas e cumprindo, durante máis tempo do previsto, coa misión que lle fora encomendada sobre a mellora das comunicacións, pero tamén acabou desintegrándose ó final da súa vida útil; e o LUME-1 deseñado para o seguimento e detección de incendios forestais aínda anda por aí.
Todo ten o seu límite, e eu sigo coleccionando refugallos tecnolóxicos, unha colección de válvulas de vacío ou unha romana, pero de cando en vez tamén boto man da vella máquina de escribir por aquilo de sentir o tic-tac da nostalxia.
Francisco Ant. Vidal


Ningún comentario:
Publicar un comentario