Amosando publicacións coa etiqueta Historia e arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia e arte. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de novembro de 2019

O museo de dona Sabela




     Hai douscentos anos, cando “a Súa Graciosa Maxestade” pasou de Desexado a Felón, máis preocupado por andar de tabernas ca de sentar no consello de ministros, abríronse as portas do Museo do Prado con pouco máis de trescentos cadros expostos. Hoxe supéranse os trinta e cinco mil obxectos entre pinturas, esculturas ou gravados da súa colección e segue medrando. Pero quen se esforzou por inventariar aquelas primeiras obras e buscarlle un lugar adecuado para expoñer o que viña sendo o berce da criatura, foi a raíña dona Sabela de Bragança, unha rapaza de dezanove anos, amosando que por encima do seu pouco agraciado e moi criticado físico tiña unha cabeza perfectamente amoblada; e facendo caso omiso de charangas e cinzarradas, sacou as coleccións reais das alcobas privadas e dos poeirentos sotos para poñelas ó servizo da sociedade.  

     Confesarme seareiro do Museo do Prado non é nada raro. A quen lle amarga un doce?. Hoxe o museo está de aniversario, e hai actos a moreas para festexalo, pero a quen non debemos esquecer en toda esta conmemoración é a dona Sabela, quen ademais de posuír a cultura que lle faltaba ó seu esposo, tiña a suficiente humildade e paciencia para trazar con man firme o camiño de todo o que a ela lle competía. Sen embargo non foi unha muller con sorte. Casada por poderes e sen amor ós dezanove anos co seu tío Fernando, viúvo e garuleiro, quen a troco de que ela cumprise co deber de toda consorte real, parir o máis axiña posible, lle ofreceu unha lúa de mel cargada de infidelidades, borracheiras e desafecto doméstico mentres os divertidos madrileños lle cantaban o de “Fea, pobre e portuguesa, chúpate esa”. A mal casada recluíase entre libros, cadros e os conselleiros de máis consideración poñendo orde no fogar mentres o cabeza de familia visitaba a “Pepa la Malagueña” e outras polo estilo.  Tivo a boa e culta raíña a desgracia de ver morrer á súa primeira filla con menos de cinco meses, e acto seguido xa se puxo mans á obra para cumprir co deber real de darlle descendencia ó trono, e entre náuseas e patadiñas ía sacando tempo para o seu proxecto dun Real Museo. Quixo a mala sorte que durante un complicado parto perdese o coñecemento e a deran por morta. Os médicos decidiron entón aplicarlle unha cesárea, tan ó bruto, que cando estaban en plena faena, arrincándolle das entrañas unha nena sen vida, Sabela botou un espantoso berro para confirmar que aínda non finara.

      Morreu sen ver acabado o grande proxecto no que se afanou durante o seu curto reinado, pero celebramos que fixese o que ós patrióticos e “campechanos” monarcas españois nin lles ía nin lles viña.

     Como queira que sexa, a idea xa fora exposta nos tempos de Carlos IV, pero ese desleixo da nosa realeza, esa pachorra tan característica deles, foi adiando a súa creación ata que a portuguesa fea e pobre puxo mans á obra aínda que ela non puidese chegar a ver a súa inauguración, un 19 de novembro de 1819. Non foi un acto popular, senón máis ben, como se describe nos libros de historia, algo discreto. A Fernando movíao máis inaugurar tabernas ca pinacotecas. Pero aí está agora o Museo do Prado vendo pasar o tempo, medrando e lembrando as raíces do que fomos.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

martes, 8 de outubro de 2019

Polo calello dos milagres (6)


Por Far O'McOW

            Camiñar por este labirinto era andar a voltas, pero sen repetirse nunca a mesma escena. Todo semellante pero nada igual. Coma espellos de cores que fosen reflectindo as imaxes que vimos e habiamos de ver, procurando a marca que nos indicase que por alí estivemos e podiamos avanzar, a pista que se agochaba ós nosos ollos. Era como a procura dun algo que non adiviñabamos a saber o que, pero seguros de poder recoñecelo cando o vísemos, como o cazador que anda ó asexo sen saber se quen vai saír de entre a sebe é coello ou lebre, e a todo isto cargando co macuto das compras. Nada hai máis pesado ca unha simple pluma de poliño no bolso dun perdido. E os tendeiros sen portar máis ca por engaiolarnos coas súas ofertas. Uns ofrecen panos e outros saias, uns amósanche malas copias dalgún xeroglífico e outros un instrumento musical que non toca, e aínda cando non portas polas ofertas, sempre han de ter unha palabra amable, iscando sempre a bica co engado da amabilidade, como cando un mozo sentado á porta dunha destas tendas sen porta nos agasallou preguntando en inglés “Honey moon?”, a nós que levamos máis de trinta anos casados. Que ilusión! Se non fose polo apuro que nese intre sentiamos, habíamos de entrar a mercar todo canto nos ofrecesen sen regateo de ningún tipo. Era como chamarnos mozos, rapaces, ou algo polo estilo. Que fermoso cando che quitan anos de encima!.


            No templo de Horus, en Edfu, entre as escenas de ofrendas e toda a narrativa que fala deste fillo de Osiris, xerado despois de morto seu pai (milagres da divindade!), hai unha escena representando a Meen, o deus da fertilidade co seu falo erecto exaculando sobre unha copa o seme vital, que a todos nos fixo esbozar un sorriso cómplice, anque naquel tempo esa imaxe non tiña as connotacións que hoxe lle damos. Era tan só un símbolo, e como tal era unha invocación da fartura, o mesmo que o Príapo romano, a quen paseaban coa forma dunha estaca cun pao vermello á altura da petrina, para pousar nos campos sementados co fin de atraer a fartura, e de onde derivan os espantallos que aínda hoxe en día se usan (sen falo á vista), ou os mesmos pináculos dos hórreos, esa especie de obelisquiños que invocan a fartura. E incluso o mesmísimo san Xosé coa súa vara florida, cuxa celebración se fixo coincidir coa que se lle facía a Príapo, o deus da fertilidade, a mediados de marzo, e cuxa lenda conta como, cando a Virxe María saiu á porta da súa casa para escoller marido, entre todos os mozos pretendentes que se rían daquel vello que aspiraba á man da virxinal doncela, a este floreceulle a vara en que se apoiaba, como símbolo de que era o escollido pola divindade para desposala. Á fin todos eles símbolos de nacenza, da renacenza e da fertilidade da primavera, pero tamén se representan os símbolos da vida en forma de escenas de caza, como se seguiron representando ó largo da historia, en petróglifos galegos, nas covas paleolíticas, en Roma ou no sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, o Bo, en Betanzos.


            Tamén nós andabamos como cazadores de obxectos unhas veces e como presas fuxindo outras, por aquel labirinto de tendas que nos facían perder a noción do tempo. E por lembrar algo daqueles templos, lembro a imaxe dun rinoceronte parindo e un crocodilo abocando ó neonato aínda sen acabar de saír do corpo materno.


            Aquí a vida pulula con forza, alimenta como o peito de Isis alimentaba a Horus, ou como o da Virxe María alimentaba ó Neno Xesús. 
     A nós alimentábanos a vista toda esta explosión de cores e formas e fainos desatender os engaiolantes reclamos, a soidade en que nos atopamos no medio de tanta xente. Por veces sentía o desexo de berrar chamando polos meus, pedir auxilio, procurando unha voz que me afagase sen intencións mercantís. Levaba no peto unha cornucopia de plástico que, despois de moito regateo saquei polo equivalente a cinco euros e asegúrovos que tentado estiven de poñerme no medio da rúa a tocar algunha muiñeira patria por se o seu son acudía algún patriota.