Amosando publicacións coa etiqueta Mitos e sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mitos e sociedade. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de abril de 2024

A fin do mundo

 

                                 

Dende que sabemos da expansión do universo, a pregunta é ata onde vai chegar ou se acabará nun deses enigmáticos e desastrosos furados negros que engolen todo o habido e por haber. Sexa cal sexa o destino que lle agarda a todo este mundo, nin nós nin os nosos descendentes o imos ver. Moito antes de que ocorra apagarase o sol e a vida na terra desaparecerá en todas as súas formas e manifestacións.

Aínda así, pensar no final de canto nos rodea foi algo que sempre estivo presente, xa fose por análises e formulacións científicas ou por fantasías mitolóxicas en que todas as relixións nos amosan un castigo final con aparencia de xuízo para condenar, con algún tipo de tortura sen fin, á inmensa maioría, polo simple feito de querer vivir, cando moitas veces o castigo xa se nos aplica en vida coas múltiples e desastrosas guerras que nos amosan a cara da apocalipse. E se na Biblia nos falan dunha Sodoma e Gomorra, na Barbanza temos a mítica Valverde destruída, tamén, cunha chuvia de brea e lume, fortes ventos e xigantescas olas que lle fixeron dicir a Nosa Señora de Moldes aquilo de “non quero tal ver nin ver tal”. Máis drástico foi o asunto do diluvio, que tomaron para si distintas culturas e que Alejo Carpentier nos expuxo no inesquecíbel relato Os advertidos, onde non falta Noé co seu barco cargado de animais. E peor será a que nos espera se se executa esa tremenda Apocalipse do evanxelista, sobre a que tanto trataron freires e beatos medievais, con fogo, tronos e malvados seres padexando pecadores para alimentar as caldeiras do inferno, mentres uns poucos escollidos suben en anxelical compaña polas escadas da gloria.

Dá medo pensar nese drástico final que os viquingos asociaban cunha destrutiva guerra, o seu Ragnarok, unha batalla que acabará poñendo a cada quen no seu sitio para reformar ós desenfreados. O malo é que ningunha guerra puxo nunca a ninguén no seu sitio.

Os mitos e as lendas amósannos os medos de quen os creou e se para nós non pode haber nada tan duro como que chova lume e brea, tampouco é moi agradable que durante corenta días con corenta noites arrolle sen parar. Cada cultura e cada época ten a súa maneira de interpretar como vai ser o seu final. Estes días veume á memoria un conto bérber que contempla a fin do mundo como unha enchenta que o inunda todo, algo moi parecido ó de Noé, pero sen chuvia, pois neste caso a auga saía das mesmas pedras do lar de cada casa ou haima, xa que os berberiscos non entenderían que a chuvia, ese ben escaso que poucas veces os visita, fose ser mala para eles.

Modernamente inventouse o dun asteroide que vén de camiño para chocar coa Terra ou que o sol vai expulsar un relampo de lume que nos abrasará a todos. Pero os únicos asteroides e relampos de lume son os que caen cada día sobre a poboación civil de Gaza. Iso si é a fin do mundo para os gazatís sen que ninguén poida ou queira facer nada por impedilo.


Non sabemos como vai acabar o mundo pero polo de agora méteme máis medo a irresponsabilidade dos señores da guerra.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición deBarbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 8 de outubro de 2022

Narcisismo

 


Ós rapaces gregos contábaselle a historia de Narciso para quitarlles a fachenda da adolescencia, e presentábano como un mozo tan namorado de si mesmo e da súa imaxe, que non portaba por ningunha rapaza que del se namorase, porque todas lle parecían pouca cousa. Algo tamén había de arrogancia e vaidade. E por iso, por soberbio, foi cruelmente castigado, facendo que ese amor a si mesmo o levase a contemplarse en todo aquilo que reflexase a súa imaxe; e mirándose nas augas claras dun estanque quixo bicarse e, desesperado de auto-amor por non poder facelo, matouse coa propia espada e do seu sangue naceron as flores que levan o seu nome. Todo isto non tería que pasar se se seguise o consello do meigo Tiresias, pedindo que lle evitasen ó tipo verse a si mesmo.

O mito serve tanto para narcisistas da beleza física como da superioridade social e intelectual, tan seguros de si mesmos que non poden contemplar as virtudes alleas. Teño un veciño médico que pensa que non sabemos ler un termómetro.

Narcisismo e egoísmo van sempre da man. Unha consecuencia moito máis actual do narcisismo é a de evitar a cooperación entre as distintas partes dunha organización por puro sentimento de egoísta prepotencia, a cal encerra o medo a perder un suposto prestixio ou prominencia. O temor a que un colega nos poida quitar o posto.

Claro que contra a vaidade do ególatra está a humildade da camaradería, pero esta non está de moda. O traballo en equipo que tanto nos recomendan todas as empresas e organizacións, como unha maneira de ampliar os puntos de vista e encontrar a maneira máis eficaz de acadar unha meta, vese case sempre freado por esa ansia de querer figurar.

O narcisismo é o irmán xemelgo da vaidade, impedindo a relación con aquel que supoñemos inferior ou non admitimos dentro do noso círculo, o que nos fai manter as distancias con quen non queremos que se nos iguale, poñéndolle barreiras ó coñecemento e á cooperación. Vémolo nas empresas, na comunidade de veciños e nas mesmas asociacións culturais e políticas, que tratan de amosar cara ó exterior unha imaxe de unidade, pero agochan as puñaladas trapeiras, xeralmente entre compañeiros dun mesmo nivel. É algo que se manifesta en todos os estamentos, pero principalmente entre os altos executivos ou aqueles que aspiran a subir un novo chanzo, o que vai en contra das vantaxes que trae para calquera grupo compartir información e colaborar na persecución dun obxectivo común.

Tal vez por iso, non hai empresa, grupo social ou político que non gaste tempo e cartos en cursiños de colaboración e traballo en equipo, e aínda sen recoñecelo directamente, procuran unha estrutura piramidal que lles permita baixarlle os fumes a quen pretende destacar apoucando ós demais. O malo é que esa mesma estrutura promociona a idolatría.

Pasa nas grandes organizacións e nos grupos pequenos. Chega a tal extremo a competencia que ata o amigo Afonso, tras preguntarlle a un compañeiro como se atopaba despois de pasar por urxencias por mor duns mareos que lle deron, animouno a tomar uns días de descanso nas actividades de gaita que comparten na asociación de veciños, pero escapóuselle o sentimento de fondo: “só o tempo de ter eu aprendida a nova peza que estamos ensaiando”.

(Este artigo foi publidado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 18 de xuño de 2022

O labirinto

 



Antes de que o santoral lle fixese sitio a santo Alberte Magno como protector dos enxeñeiros tecnolóxicos e a san Domingos de la Calzada dos de camiños e portos, o patrón mitolóxico dos enxeñeiros era Dédalo, e este tanto lle daba a un enxeño mecánico como ó trazado de pontes e estradas. Sen embargo, agora xa poucos se lembran de que el foi a primeira persoa que conseguiu voar e o primeiro capaz de deseñar unha cárcere ó aire libre, sen reixas nin cadeas, cando o rei de Creta lle pediu que encerrase ó monstruoso Minotauro que cada día papaba a un par de mozas e mozos, e como non podían acercarse para encadealo e metelo nun calabozo, foille poñendo unha serie de muros e corredores que, sen que o monstro se decatase, o ían encerrando e complicándolle a saída.

Da razón de ser dos cinco labirintos máis coñecidos da antigüidade, hai unha case completa unanimidade en supor que cumprían unha función protectora, uns, como o do Minotauro, para encerrar ó malvado monstro e outros, sobre todo en Exipto, para preservar o lugar central, reservado á máis alta dignidade. Ambos tipos deseñados para enganar ós seres malignos, tanto para evitar que o monstro saíse como para impedir que o mal chegase ó sancta sanctorum dun templo. E co deseño arquitectónico tamén apareceron simples representacións ou debuxos estampados con significado protector, tanto en lugares sagrados en forma de petróglifos, como en xoias, con entrambilicados deseños formando camiños e reviravoltas que se converteron en amuleto contra o mal, ás veces convertido en nó sen principio nin final, como se ve en moitos relevos do Románico, que acabaron adquirindo unha dobre función, a un tempo para protexer contra o diaño e por outro para indicar a universalidade de Cristo, sen principio nin fin.

 Un labirinto non é máis que a representación dos complicados camiños da vida.

Agora temos aquí nas Mariñas coruñesas, no concello de Vilarmaior, un labirinto semellante a aquel de Creta onde quen queira pode probar a desafiar o sentido da orientación, no que se está considerando o labirinto máis grande da Península, un lugar perfecto para perderse ou máis exactamente para saír do estrés durante as vacacións. Chámase o labirinto de Breoghán, pero parécese máis a eses xardíns franceses onde os amantes se perdían con gusto.

No labirinto de Vilarmaior non se pretende ningún sincretismo especial, como na antigüidade, senón pasar un momento divertido, para uns de desafío por ver quen sae antes dos intricados pasadizos e sendeiros e para outros un momento de relaxación, perdidos entre sebes e o piar dos paxaros. Imaxino que non faltará quen entre a este desafío armado con un carrete de fío, seguindo o consello de Ariadna a Teseo, cando este quería chegar a onde estaba o monstruoso Minotauro para darlle morte e poder logo encontrar a saída sen se perder nas reviravoltas daquela cárcere.

Pero o mellor de todo este labirinto de Vilarmaior, é que con el quedou demostrado que no rural hai moitas maneiras de reconverter os terreos sen montar mamotretos de ladrillo e darlle unha saída lúdica e con atractivo  turístico ó que doutro xeito ía quedar a monte. O labirinto de Vilarmaior vén para poñerlle as cousas un pouco máis difíciles o monstro do despoboamento do rural.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).