Amosando publicacións coa etiqueta literatura e historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura e historia. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de xuño de 2023

Murguía e Vicetto

 

        

 
Vicetto publica Los hidalgos de Monforte, en 1851, en Sevilla, onde por eses anos vive e traballa, e cando os ecos desa novela de ambientación histórica lle chegan a Murguía, principia entre eles unha profunda amizade epistolar na que chegan a tratarse de irmáns,

e se un non usa ese termo o outro recrimínao con amabilidade, en razón a que a idea literaria de ambos parece seguir un mesmo roteiro. Vicetto chega a dicirlle que hai unha misión de martirio para os dous, pero tamén que non hai gloria sen sacrificio, tanto que proxectan escribir unha magna historia de Galicia. Logo, cando Vicetto, con 32 anos, se traslada á Coruña, recibirá a visita dun Murguía de 23, que chega de Madrid cos primeiros éxitos (e co orgullo) baixo o brazo, pero ese primeiro encontro parece ser que foi algo decepcionante.

Murguía danos a entender que a decepción veu cando o ferrolán apreciou a súa baixa estatura, pero se atendemos ó que un e outro deixaron escrito, podiamos pensar que a razón principal foi unha cuestión de liderado competitivo. Un era dez anos maior e o outro un mozo moi envaidecido. Non se nos escapa que, naquel encontro e nas cartas que se escriben, Vicetto aconséllalle que se busque un traballo do que vivir, que o periodismo e a literatura, por moi nobres que sexan, non lle van dar de comer. Entendemos que Vicetto veu dicirlle que ata esa tivo a sorte de contar coa axuda da familia, que era un consentido e xa era hora de que se buscase os seus propios ingresos. Anímao a que fale cos amigos de Madrid, que poden buscarlle un emprego; pero o orgulloso Murguía non entendeu o consello que viña, precisamente, dun home que se fixo a si mesmo, orfo de pai ós dous anos e de nai ós quince, tras o cal deixa a escola de garda mariñas do Ferrol para ingresar no exército durante a primeira guerra carlista. Publica con vinte anos a súa primeira novela e ós 26 deixa o exército para ser funcionario de prisións. Sempre con un salario que lle dá liberdade para escribir sen dependencia.

Certo que Murguía tamén viña de acadar o seu primeiro éxito como novelista e non lle faltaban periódicos onde escribir, pero o consello de Vicetto era o dun amigo e el non o entendeu. Pouco a pouco fóronse arredando, tanto, que Vicetto chega a referirse a el como o señor Martínez, a sabendas de que Murguía sempre evitou o apelido paterno, e acabarán escribindo, cada un, a súa propia Historia de Galicia, en cuxos prólogos se acusan de falta de rigor ou de prosa pouco elegante.

Tras a morte de Vicetto, o 28 de maio de 1878, Murguía vai telo presente no seu libro Los precursores (1886), lembrando dende a primeira liña as discrepancias co outrora amigo, que, segundo di, nunca foron inimigos. Pero tampouco ben levados.

Con todo, pódese dicir que Murguía foi o biógrafo de Vicetto, a quen describe como un tipo alto e ben parecido, pero tamén como “el hombre más débil que he conocido”. E non é certo, se temos en conta a súa traxectoria militar e de funcionario, tanto de oficial de prisións como de intendente da fábrica de moeda de Xuvia ou director do Diario de La Coruña,

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

sábado, 13 de maio de 2023

Don Lisardo Barreiro

 

Don Lisardo Rodríguez Barreiro, natural de Noia e afincado profesionalmente en Vilagarcía, sabía que a literatura non lle ía dar de comer, por moito que o de escribir fose un dos seus motivos vitais, pero si foi o que lle deu algún inesperado desgusto.

Xa antes de escoller a profesión da que vivir, colaboraba no periódico fundado por don Ramón del Valle Bermúdez (o pai de Valle-Inclán), La Voz de Arosa, e logo, sendo estudante de farmacia, en cada revista ou xornal que aceptase as súas colaboracións, asinando como Lisardo Barreiro. Con vinte e dous anos publicou o seu primeiro libro de poemas, e a principios de 1885, tras pasar por Palmeira para visitar a quen fora o seu mestre de primeiras letras, don Ignacio Martínez Malvido, sacará un longo artigo en La Voz de Galicia, no que nos dá unha curiosa impresión sobre esta vila, con abundantes datos sociais e económicos.

A Vilagarcía chegou xa casado, despois de exercer como facultativo durante a epidemia do cólera de 1885 e de obter un cargo de inspector sanitario, para controlar os barcos e os emigrantes que partían para América. Pero o gusto pola escrita vai máis aló do puramente literario, pois ó largo dos anos tamén contribuíu con varios artigos científicos, ademais de manter un parladoiro na súa farmacia, onde tivo como mancebos a Lustres Rivas e Julio Camba, e ó que nalgunha ocasión acudiron persoeiros como Cabanillas, Castelao ou Valle-Inclán.

Home temperamental, que non sempre sabía estar calado, incluso chega a fundar algún que outro periódico, para expresar o seu parecer sen censura de ningún director, e talvez sen medir as consecuencias das súas palabras, pois un trinta de marzo de 1898, ás seis da mañá, no porto de Vilagarcía, por discrepancias políticas recibiu unha trompada do médico e exalcalde, Castor Sánchez, de tendencia liberal, ó que don Lisardo respondeu cunha vareada do seu bastón. Non era esta a primeira vez que se vía nalgún incidente parecido, pois uns dez anos antes, tamén por discusións políticas, acude ós tribunais despois de ser atacado en plena rúa por culpa dalgún artigo e tras despacharse co seu contrincante a golpe de bastón.

Vilagarcía

Como nota simpática, cando puido ser tráxica, figura unha aposta do consignatario de buques García Reboredo, de que era capaz de facerlle pasar unhas falsas cartillas de emigrantes con destino a Arxentina para que as asinase. Pero don Lisardo axiña se decatou, pois os nomes que figuraban nas mesmas eran de ministros da ditadura de Primo de Rivera e incluso do mesmo ditador. Tras a discusión que o feito provocou, por algo que non se aclara, don Lisardo acaba asinándoas, e sábese que as autoridades arxentinas nunca se decataron do engano (¿entraría el na aposta?).

Desgustos á parte, don Lisardo, que ingresou na Real Academia Galega en 1939, deixou entre as súas obras unha serie de impresións recollidas baixo o título de Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia, que publicou en 1890, e tamén unha biografía que permanece inédita.

Este, médico e farmacéutico, de quen don Joaquín Díaz de Rábago dixo que era o ”prototipo de bohemio”, nalgún momento da súa vida dixera aquilo de “para o que discute está a pluma e para o que insulta o bastón”.

Finou un catorce de maio de 1943, hai agora oitenta anos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)

mércores, 20 de xaneiro de 2021

A NAVEGACIÓN POLO BÓSFORO

Por Pepe de Rocaforte

A lectura da expedición dos Argonautas tráeme á memoria a ocasión en que fixen un pequeno percorrido en barco desde o Mar de Mármara, nas proximidades do Corno de Ouro, ata Garipçe, á entrada do Mar Negro, onde xantamos antes de emprender o regreso, tamén embarcados, a Estambul.

En máis da metade deste percorrido náutico navegamos coa cidade, poderíase dicir que polo medio dela, estendida tanto á dereita, pola parte asiática, como á esquerda, pola europea. O guía, o mesmo con quen estiveramos en Kusadasi, íanos sinalando os edificios máis relevantes polas proximidades dos cales pasabamos, e no medio da conversa explicounos que o estreito, duns trinta quilómetros de lonxitude, é territorio de soberanía turca en toda a súa extensión, pero por el poden navegar os barcos das nacións que rodean o Mar Negro e algunhas outras, coa correspondente autorización, o cal permite circular a armada rusa por territorio turco ó longo do Bósforo, unha situación molesta para Turquía, que así e todo conseguiu que o paso dos buques de guerra rusos se faga de noite (aínda que esto último non debe ser así, ou cambiou máis tarde, porque con posterioridade vin informacións na prensa segundo as cales a flota rusa tamén cruzaba o Bósforo en pleno día).

Certamente a imaxe da armada rusa circulando silenciosa en formación de combate (o de “formación de combate” póñoo para lle dar máis emoción), polo medio dunha cidade estranxeira de quince millóns de habitantes, non debe resultar moi tranquilizadora. (Dixen “silenciosa” e a miña muller corríxeme: segundo ela os motores dos buques de guerra na súas travesías nocturnas do Bósforo seica producen bastante ruído, ou polo menos así o leu nun libro, agora non lembra cal, de Orhan Pamuk. E efectivamente, ó mo dicir ela tamén eu recordo ter lido eso, creo que o libro é “Estambul”, sobre as noites en que o escritor, deitado na cama, oía o paso pola proximidade da súa casa -que tamén nos mostrou o guía ó pasarmos máis ou menos por preto dela- dos poderosos barcos de guerra da antiga Unión Soviética.)

Estambul

E agora que o penso, o do “paso silencioso” debéuseme ocorrer polas veces que, nas miñas camiñatas matinais ó longo do paseo marítimo da Coruña, vexo saír de Ferrol, un, dous, ou tres buques de guerra para se dedicar ó custoso xogo dunha simple excursión pola costa ou a algunha desas manobras navais coas que os estados manteñen entretidos e contentos ós mandos das súas mariñas de guerra. Eses barcos de aquí parécenme navegar en silencio debido á distancia que media entre a península da Torre coruñesa, por onde vou eu, e a saída da ría ferrolá por onde vexo aparecer as grises unidades da Armada Española.

Xa como remate a estas evocacións do estreito do Bósforo, por onde un día navegaron os Argonautas de Jasón, non quedará mal lembrar uns versos da “Canción del Pirata”, de José de Espronceda:

    La luna en el mar riela,

 en la lona gime el viento,

 y alza en blando movimiento

 olas de plata y azul;

 y ve el capitán pirata,

 cantando alegre en la popa,

 Asia á un lado, al otro Europa,

y allá a su frente Estambul.

 Terémoslle que desculpar a don José que por esixencias da rima se vise obrigado a poñer ó capitán pirata cantando moi alegre e divertido na popa do seu baixel, cando máis lóxico resultaría que o fixese na proa, desde onde tería máis posibilidades de ver Estambul frente a el desde a entrada sur do Bósforo.

 Ah!, e para quen queira lembrar integramente esa lectura da época escolar ofrecémoslle a posibilidade de facelo aquí .