mércores, 20 de xaneiro de 2021

A NAVEGACIÓN POLO BÓSFORO

Por Pepe de Rocaforte

A lectura da expedición dos Argonautas tráeme á memoria a ocasión en que fixen un pequeno percorrido en barco desde o Mar de Mármara, nas proximidades do Corno de Ouro, ata Garipçe, á entrada do Mar Negro, onde xantamos antes de emprender o regreso, tamén embarcados, a Estambul.

En máis da metade deste percorrido náutico navegamos coa cidade, poderíase dicir que polo medio dela, estendida tanto á dereita, pola parte asiática, como á esquerda, pola europea. O guía, o mesmo con quen estiveramos en Kusadasi, íanos sinalando os edificios máis relevantes polas proximidades dos cales pasabamos, e no medio da conversa explicounos que o estreito, duns trinta quilómetros de lonxitude, é territorio de soberanía turca en toda a súa extensión, pero por el poden navegar os barcos das nacións que rodean o Mar Negro e algunhas outras, coa correspondente autorización, o cal permite circular a armada rusa por territorio turco ó longo do Bósforo, unha situación molesta para Turquía, que así e todo conseguiu que o paso dos buques de guerra rusos se faga de noite (aínda que esto último non debe ser así, ou cambiou máis tarde, porque con posterioridade vin informacións na prensa segundo as cales a flota rusa tamén cruzaba o Bósforo en pleno día).

Certamente a imaxe da armada rusa circulando silenciosa en formación de combate (o de “formación de combate” póñoo para lle dar máis emoción), polo medio dunha cidade estranxeira de quince millóns de habitantes, non debe resultar moi tranquilizadora. (Dixen “silenciosa” e a miña muller corríxeme: segundo ela os motores dos buques de guerra na súas travesías nocturnas do Bósforo seica producen bastante ruído, ou polo menos así o leu nun libro, agora non lembra cal, de Orhan Pamuk. E efectivamente, ó mo dicir ela tamén eu recordo ter lido eso, creo que o libro é “Estambul”, sobre as noites en que o escritor, deitado na cama, oía o paso pola proximidade da súa casa -que tamén nos mostrou o guía ó pasarmos máis ou menos por preto dela- dos poderosos barcos de guerra da antiga Unión Soviética.)

Estambul

E agora que o penso, o do “paso silencioso” debéuseme ocorrer polas veces que, nas miñas camiñatas matinais ó longo do paseo marítimo da Coruña, vexo saír de Ferrol, un, dous, ou tres buques de guerra para se dedicar ó custoso xogo dunha simple excursión pola costa ou a algunha desas manobras navais coas que os estados manteñen entretidos e contentos ós mandos das súas mariñas de guerra. Eses barcos de aquí parécenme navegar en silencio debido á distancia que media entre a península da Torre coruñesa, por onde vou eu, e a saída da ría ferrolá por onde vexo aparecer as grises unidades da Armada Española.

Xa como remate a estas evocacións do estreito do Bósforo, por onde un día navegaron os Argonautas de Jasón, non quedará mal lembrar uns versos da “Canción del Pirata”, de José de Espronceda:

    La luna en el mar riela,

 en la lona gime el viento,

 y alza en blando movimiento

 olas de plata y azul;

 y ve el capitán pirata,

 cantando alegre en la popa,

 Asia á un lado, al otro Europa,

y allá a su frente Estambul.

 Terémoslle que desculpar a don José que por esixencias da rima se vise obrigado a poñer ó capitán pirata cantando moi alegre e divertido na popa do seu baixel, cando máis lóxico resultaría que o fixese na proa, desde onde tería máis posibilidades de ver Estambul frente a el desde a entrada sur do Bósforo.

 Ah!, e para quen queira lembrar integramente esa lectura da época escolar ofrecémoslle a posibilidade de facelo aquí .

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario