A calquera coidador que maltrate o obxecto do seu
coidado hai que quitarlle a custodia, sexa un pai contra un fillo ou un fillo contra
un pai. E isto vale para titores de escola ou para o banqueiro que ten conta
dos nosos cartos; pero tamén para o bibliotecario que dobra e encarta as
páxinas dun libro ou o vixiante dun museo que lle quita o lixo a un cadro
frotándoo co dorso da man. Cando o encargado de velar por unha obra patrimonial
a maltrata ou a despreza, hai que quitarlle a potestade sobre ela, porque
demostra a pouca sensibilidade co que é de todos os cidadáns, pero tamén porque
nos avergoña.
Mentres celebramos a feliz intervención no Pórtico da
Gloria, esta semana, The Guardian
fíxose eco doutro atentado ó patrimonio cultural español cun título que nos
obriga a reflexionar: “Segunda igrexa española presa dun restaurador ben
intencionado”. Quero pensar que hai certa sorna neste titular e nese adxectivo
dedicado ó restaurador e á pouco afortunada intervención no repintado dunha
imaxe de san Xurxo de Estella (Navarra) datada no século XVI, que se suma ó
tristemente famoso Ecce Homo de Borja (Zaragoza). Pero por desgracia o
periodista inglés quédase curto. Oxalá só fose a segunda, porque restauracións
encargadas sen un mínimo criterio nin profesionalidade, por párrocos “ben
intencionados” a persoas “ben dispostas” que usan pinturas inadecuadas ou
enzoufan coa brocha de encalar as paredes, é máis común do que se pensaba. Só
hai que ver en moitas igrexas por onde van os cables eléctricos, como se fosen
unha moldura máis dun retablo, porque é moito máis barato ter de man a un
mañoso ben intencionado, que aprendeu a colorear nas actividades para adultos
da asociación de veciños, ca chamar a un profesional que cobra con factura.
Desgraciadamente este non é un problema alleo a nós,
porque aí está o espolio sen responsables coñecidos do convento de Valdeflores
(Viveiro); ou un santo Antonio mirando ó mar, na Pobra do Caramiñal, de quen
unha amiga a quen lle ensinei a foto me
preguntou que como se lle pode ter devoción a esa cousa, afumada e coa pedra
escachada pola calor das velas. Uns por exceso e outros por falta, como unha
Santa de Moldes á que, a principios da década dos oitenta, lle rasparon a
policromía para facela máis enxebre, por non falar da enorme cantidade de
igrexas rurais abandonadas, onde se deixan podrecer retablos e esculturas que
contan a historia e os sentimentos desa parroquia ou bisbarra. Ou a longa lista
de pinturas murais que se están perdendo por mor da humidade e o abandono sen
que os que teñen ó seu cargo eses bens exentos de IBI fagan nada por
protexelos. Canto mellor
non sería reconverter esas igrexas en salóns de actos, evitando tanto malgasto
prevaricador en auditorios sobredimensionados.
Non sei por que se lles dá a estes directores
espirituais das nosas parroquias a licencia de custodios, tan dados como son a
erixirse en propietarios chapuceiros, pasando por alto todas as leis de
patrimonio, segundo as cales todo proxecto de restauración debe ser aprobado por
especialistas no tema. Pero tamén é ben certo que para ser custodios primeiro
tiñan que saber que é o que custodian e polo visto no seminario non se ensinan
esas cousas. O que lle dá a razón a Xulio cando di que todos estes bens
relixiosos deberían pasar á administración pública, á fin son obras feitas cos
cartos de todos, de crentes e de non crentes.
Canto máis non faría a cruciña da declaración da renda
nun apartado dedicado ó patrimonio cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario