Amosando publicacións coa etiqueta tecnoloxía etnográfica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tecnoloxía etnográfica. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de abril de 2016

Unha fresqueira



           Estes aparellos que os máis novos ven e pensan que é unha gaiola, realmente non andan moi mal encamiñados. Á fin, unha gaiola é para recluir un animal e este é para protexer do animal.
          Cando as neveiras eran aparellos de luxo ou cando nin sequera se lle tivera ocorrido a ninguén inventar un sistema eléctrico que permitise manter os alimentos frescos, as fresqueiras, sen acadar unha temperatura baixa, si mantiñan os alimentos aireados e protexidos dos insectos e dos roedores.  Esta era a súa función.
         Xeralmente servían para gardar os queixos e mantíñanse colgados nalgún lugar da cociña.

sábado, 5 de outubro de 2013

Un caseiro parque infantil de Cervantes (Lugo)



Os invernos na montaña eran duros antes e sono agora. Cando veñan as primeiras neves empezaremos a ter noticias de pobos illados. Por iso, os habitantes das serras orientais de Galicia habían de argallar todo tipo de aparellos e instrumentos para sobrevivir ós duros invernos.
Hoxe fixámonos neste pequeno parque infantil que nos ensinaron nunha palloza de San Román de Cervantes, e que alí chaman carreto. Nada que ver cos modernos de plástico, con espazo para gatear o neno e algún amiguiño, ademais dos xoguetes esparexidos e ata o gato se se quere.
Este é de madeira de castiñeiro, e o espazo só dá para un neno, que era colocado nese oco redondo e grande que se ve. Podía estar de pé, apoiando os cadrís no borde dese furado, e podía estar sentado co prato das papas diante para telo entretido e ben alimentado. Non era un andador, pero facía a función de axudarlle ó cativo a erguerse e manterse de pé.

Visto desde hoxe en día semella un cepo para ter atado ou limitado ó cativo, pero era un sistema seguro para que non se magoase, nin andase atravesado pola casa.
Ver tamén Un carreto

martes, 1 de outubro de 2013

Un rodamento de pedra

                                 


Hoxe vén caer nas miñas mans esta foto dun aparello de tecnoloxía enxebre. Tratase dun rodamento que, como podedes ver, nada ten de semellanza coas caixas de bolas que coñecen todos os mecánicos, nin co deseño dun aparello destes que, destinado a reducir a fricción nos eixes, xa deseñara Leonardo da Vinci aló polo Renacemento. Este é un rodamento, tamén chamado "ovo" ou "grilo" que estivo en uso ata non hai máis de cinco anos nun muíño arteixán. É o rodamento que separa o pé da roda que ha de xirar para converter o gran o fariña, e como vedes é de seixo, unha pedra máis dura ca de gran ou de lousa, con esa cabeza redondeada que nos pode falar das moitas voltas que soportou sobre outra pedra tamén de seixo chamada "ra" ou "cuncha", dos moitos contos que escoitou, das moitas noites de muiñada nas que participou, pois, como sabedes, unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira esa si que é muiñada. Moita fariña, digo eu.