sábado, 5 de outubro de 2013

Un caseiro parque infantil de Cervantes (Lugo)



Os invernos na montaña eran duros antes e sono agora. Cando veñan as primeiras neves empezaremos a ter noticias de pobos illados. Por iso, os habitantes das serras orientais de Galicia habían de argallar todo tipo de aparellos e instrumentos para sobrevivir ós duros invernos.
Hoxe fixámonos neste pequeno parque infantil que nos ensinaron nunha palloza de San Román de Cervantes, e que alí chaman carreto. Nada que ver cos modernos de plástico, con espazo para gatear o neno e algún amiguiño, ademais dos xoguetes esparexidos e ata o gato se se quere.
Este é de madeira de castiñeiro, e o espazo só dá para un neno, que era colocado nese oco redondo e grande que se ve. Podía estar de pé, apoiando os cadrís no borde dese furado, e podía estar sentado co prato das papas diante para telo entretido e ben alimentado. Non era un andador, pero facía a función de axudarlle ó cativo a erguerse e manterse de pé.

Visto desde hoxe en día semella un cepo para ter atado ou limitado ó cativo, pero era un sistema seguro para que non se magoase, nin andase atravesado pola casa.
Ver tamén Un carreto

Ningún comentario:

Publicar un comentario