Amosando publicacións coa etiqueta tradicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tradicións. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de marzo de 2015

A eclipse.



    

            A eclipse é unha desorde do cosmos, e diante da que imos poder ver o vindeiro día vinte de marzo, non está de máis lembrar neste caderno que os antigos, cando vían que o sol perdía forza ou un anaco sen que unha nube o tapase, poñíanse no peor, era un desorde da natureza, e contra tal loitábase e procurábase protección. E a pesar de que xa Plinio nos fala das razóns científicas dunha eclipse, a forza supersticiosa de que algo malo ocorría prevaleceu durante séculos; e o máis común era pensar que un fabuloso monstro quería devorar ó astro solar, polo que os paisanos saían a fóra das súas casas con todo tipo de cacharros para armar estrondo co fin de asustar a ese monstro e liberar ó sol do seu devorador.
                As cencerradas son un dos métodos máis comúns para evitar a influencia do mal, pois, coma neste caso, tamén se facían cando había matrimonios dispares, entre un vello e unha moza, por exemplo, e aínda que estas encerraban unha carga burlesca, hai etnógrafos que, coma no das eclipses, as entenden como un remedio para espantar as forzas nefastas que se adiviñaban.
              As eclipses eran sempre interpretadas como anuncios dalgún mal ou enfermidade, e por iso, incluso a gripe do dezaoito foi achacada á influencia dunha eclipse. E como nos conta o doutor Rodríguez López, non se pode comer a verdura recollida o día que houbo unha eclipse, e nin sequera beber o leite da vaca que pastou durante unha eclipse, porque serán malas para as persoas.
             Pero como non todo é superstición, aquí temos unha paxina que nos ilustra dunha maneira máis clara e científica sobre a eclipse

martes, 31 de decembro de 2013

Fin de ano.


A noite de fin de ano é unha noite de festa e desenfreo, pero tamén de meigas e bruxas, que celebran as súas asembleas en lugares tan emblemáticos da nosa xeografía mítica como a praia das Areas Grosas. É a representación do mal tratando de opoñerse ó ben. Pero, ¿quen veu ás bruxas en asemblea?.
Aínda que aparecen testemuñas nalgún xuízo, a lenda destas reunións posiblemente veña de cando o emperador Constantino e o papa Silvestre acordaron facer do cristianismo a relixión do imperio, cousa que non lle gustou a moitos dos súbditos, porque ninguén quere que lle impoñan unhas crenzas por decreto nin que lle quiten de golpe a todos os deuses en quen sempre creron e a quen veneraron eles e os seus antepasados.
Por iso está o papa Silvestre despedindo o ano, por ser o primeiro papa legal da historia, o primeiro que relegou as vellas crenzas á condición de pagáns, sen embargo, esta segue sendo unha noite que ten máis de laica ca de relixiosa. É unha noite na que a festa invita a vencer as tebras, e na que os vellos costumes se mesturan con novos ritos e rituais, tal o de tomar as uvas das doce da noite con cada badalada, vestir algo vermello, brindar e festexar a amigos e coñecidos con desexos de feliz ano novo.

Máis xa desde que no ano 153 a.C. se reforma o calendario, e sobre todo tras a reforma xuliana do 46 a.C, marcouse esta data como a do fin de ano, e polo tanto propicia para facer augurios e botar sortes, querendo adiantar o porvir, como o costume que había en terras ourensás, do “emparellamento”, por medio do cal o mozo tiña que ir na procura da rapaza que lle tocase en sorte e bailar con ela.
As panxoliñas de Nadal son nesta noite as “xaneiras”, que os mozos cantaban de casa en casa con temática alusiva á despedida do ano vello e dándolle entrada ó novo, para recibir en cada casa o aguinaldo en forma de copas de augardente, licores, viño e doces, como unha invocación á fartura e á felicidade que se agarda para este novo tempo.                        

Feliz, venturoso e farturento Ano Novo

venres, 26 de xullo de 2013

O día dos avós

Aínda non se decidiron os grandes almacéns e centros comerciais por impulsar a celebración do “día dos avós”, tal vez porque cadra en plenas vacacións de verán e os compradores están a outra cousa; ou por estar en rebaixas de verán e iso non garante suficientemente o negocio. Pero as entidades promotoras do consumo neste primeiro mundo de tarxeta de creto e papel de celofán, aínda moverán terra e ceo para adaptar esta data dalgún xeito. Á fin, o santoral ten esa vertente profana que adapta a figura ás necesidades económicas, e o que antes era un negocio exclusivo da Igrexa, agora esténdese ó gremio dos tendeiros.
Celebra o iconográfico e panteísta mundo occidental o festividade dos país da Virxe María, san Xaquín e santa Ana, dous vellos que ían quedar sen descendencia ata que un anxo lles trae a boa nova de que efectivamente, a pesar dos anos e do tempo pasado, van ser pais dunha nena, resaltando as posibilidades que a divindade ten contra todo prognóstico e contra as leis da natureza,  
Deles non falan os evanxeos canónicos, senón os apócrifos, pero aínda así ocupan o seu lugar no santoral e esténdense as iconas coa figura dos santos avós, dun san Xoaquín con turbante e dunha santa Ana de rostro engurrado aprendéndolle a ler á filla.