A noite de fin de ano é unha noite de festa e desenfreo, pero
tamén de meigas e bruxas, que celebran as súas asembleas en lugares tan
emblemáticos da nosa xeografía mítica como a praia das Areas Grosas. É a representación do mal tratando de opoñerse ó ben. Pero, ¿quen veu ás bruxas en
asemblea?.
Aínda que aparecen testemuñas nalgún xuízo, a lenda destas reunións posiblemente veña de cando
o emperador Constantino e o papa Silvestre acordaron facer do cristianismo a
relixión do imperio, cousa que non lle gustou a moitos dos súbditos, porque
ninguén quere que lle impoñan unhas crenzas por decreto nin que lle quiten de
golpe a todos os deuses en quen sempre creron e a quen veneraron eles e os seus
antepasados.
Por iso está o papa Silvestre despedindo o ano, por
ser o primeiro papa legal da historia, o primeiro que relegou as vellas
crenzas á condición de pagáns, sen embargo, esta segue sendo unha noite que ten
máis de laica ca de relixiosa. É unha noite na que a festa invita a vencer as
tebras, e na que os vellos costumes se mesturan con novos ritos e rituais, tal
o de tomar as uvas das doce da noite con cada badalada, vestir algo vermello,
brindar e festexar a amigos e coñecidos con desexos de feliz ano novo.
Máis xa desde que no ano 153 a.C. se reforma o
calendario, e sobre todo tras a reforma xuliana do 46 a.C, marcouse esta data como
a do fin de ano, e polo tanto propicia para facer augurios e botar sortes,
querendo adiantar o porvir, como o costume que había en terras ourensás, do
“emparellamento”, por medio do cal o mozo tiña que ir na procura da rapaza que
lle tocase en sorte e bailar con ela.
As panxoliñas de Nadal son nesta noite as “xaneiras”,
que os mozos cantaban de casa en casa con temática alusiva á despedida do ano
vello e dándolle entrada ó novo, para recibir en cada casa o aguinaldo en forma
de copas de augardente, licores, viño e doces, como unha invocación á fartura e
á felicidade que se agarda para este novo tempo.
Feliz, venturoso e
farturento Ano Novo
Ningún comentario:
Publicar un comentario