A eclipse é unha desorde do cosmos, e diante da que imos poder ver o vindeiro día vinte de marzo, non está de máis lembrar neste caderno que os antigos, cando vían que o sol perdía forza ou un anaco sen que unha nube o tapase, poñíanse no peor, era un desorde da natureza, e contra tal loitábase e procurábase protección. E a pesar de que xa Plinio nos fala das razóns científicas dunha eclipse, a forza supersticiosa de que algo malo ocorría prevaleceu durante séculos; e o máis común era pensar que un fabuloso monstro quería devorar ó astro solar, polo que os paisanos saían a fóra das súas casas con todo tipo de cacharros para armar estrondo co fin de asustar a ese monstro e liberar ó sol do seu devorador.
As cencerradas son un dos métodos máis comúns
para evitar a influencia do mal, pois, coma neste caso, tamén se facían cando había
matrimonios dispares, entre un vello e unha moza, por exemplo, e aínda que
estas encerraban unha carga burlesca, hai etnógrafos que, coma no das eclipses, as entenden como un remedio para espantar as forzas nefastas
que se adiviñaban.
As eclipses eran sempre interpretadas como
anuncios dalgún mal ou enfermidade, e por iso, incluso a gripe do dezaoito foi
achacada á influencia dunha eclipse. E como nos conta o doutor Rodríguez López,
non se pode comer a verdura recollida o día que houbo unha eclipse, e nin
sequera beber o leite da vaca que pastou durante unha eclipse, porque serán
malas para as persoas.
Pero como non todo é superstición, aquí temos
unha paxina que nos ilustra dunha maneira máis clara e científica sobre a eclipse
Ningún comentario:
Publicar un comentario