mércores, 7 de outubro de 2015

FRONTEIRAS



Por Pepe de Rocaforte
            Alain Tanner é un director de cine suízo, tal vez o máis importante, xunto con Claude Goretta, da cinematografía helvética. Entre nós é coñecido sobre todo pola súa película, do ano 1983, “Na cidade branca”, onde Lisboa adquire un protagonismo estelar dentro desa historia dun mariñeiro chegado ó porto lisboeta en busca de non sabe o que, pero que é na cidade do Tejo onde lle parece ver a posibilidade de o atopar.
            Anos despois, en 1998, Tanner rodaría outra fita en Lisboa, “Requiem”, baseada na novela de Antonio Tabucchi, pero o resultado non acadou as cotas de calidade da anterior.
            Nestes días acabo de rever unha das películas que mellor impresión me produciron entre as do director suízo, “Terra de ninguén”, de 1985. Véndoa tróuxome á cabeza o tema das fronteiras. Fronteiras de todo tipo; en boa medida, tamén, as fronteiras entre países.
            Neste filme de Tanner a historia xira sobre unhas personaxes que “se buscan a vida” arredor da fronteira franco-suíza, o cal lle dá pé para mostrar toda unha reste de negocios ilegais alimentados por esas barreiras, tantas veces artificiais, que fan medrar en torno a elas o contrabando, o paso de inmigrantes sen papeis, a busca de impunidade para xente perseguida pola lei, o tráfico de divisas, o cruce de coches roubados para, unha vez convenientemente maquillados, ser vendidos no país do lado, etc.
            Todo eso fíxome pensar na posibilidade dun próximo establecemento de fronteiras entre Cataluña e o resto de España. Tal vez, no caso de se producir a independencia catalá, a creación da fronteira non conleve a aparición dese tipo de delitos. Seguramente non. Pero o que se me fai máis costa arriba é que esa posible separación sexa alimentada pola insensatez duns políticos, tanto os dun lado como os do outro, que se dedican a xogar alegremente cos sentimentos máis primarios dos cidadáns.
            Por outra parte fáiseme custoso entender a aparición de novas fronteiras, cando a tendencia máis lóxica, sobre o papel, é a que nos leva cara á súa supresión. Agora mesmo arredor de nós xa nos pode suceder, como a min me sucedeu non hai moito, de pasar dun país a outro e decatarnos só ó parar nunha area de servicio para tomar un café e ver que compría pagar nunha moeda distinta.
            Certo que, en cambio, contra esta apertura, está máis ó día a obstinación en lle pechar as portas do noso presunto paraíso a cantos foxen da miseria e da barbarie tantas veces producida ou encirrada por nós mesmos, e vemos, perplexos e asombrados, as informacións televisivas sobre os intentos por parte de tantos africanos desherdados da fortuna para pasar a Ceuta e Melilla, ou atravesar o Mediterráneo en balsas pneumáticas,  ou as máis recentes avalanchas de millares de fuxitivos sirios nas portas de entrada a esta Europa insolidaria, encastelada na defensa dun sistema que concentra a riqueza nuns poucos e estende a pobreza e a miseria a capas cada vez máis extensas do resto da poboación.

domingo, 4 de outubro de 2015

En outubro recolle cedo as vacas



Outubro, o mes do que o refraneiro nos advirte que máis ben fame ca sono, tamén é un mes para celebrar a fidelidade e a amizade, cando os romanos festexaban a Fides e con ela á palabra dada. Un mes no que se brinda co primeiro mosto, e cando se honraba ós deuses da medicina con aquela fórmula máxica: bebo o viño vello, bebo o viño novo, e así cúrome dos males vellos e dos males novos.

A recollernos é o que invita a caída da folla, como o refraneiro nos adianta en outubro garda cedo as vacas, a reflexionar sobre o tempo ido, e o por vir. Aínda non é o final pero aí está, xa moi preto o cabo do ano, quizabes non necesitemos chegar ó extremo de san Saturio, que renunciou a todo o que a súa familia lle ofrecía para vivir nunha cova, ou o mesmo san Francisco, fillo de comerciante que sisaba de seu pai os cartos con que socorrer ós necesitados mentres el vestía cun hábito feito da máis basta tea, e san Frailán, que se fixo pasar por quen non era para non recibir o mandato de ser el o bispo que foi. E tampouco imos ser como Nerón que instituíu neste mes as Xuvenalias, despois de que se lle ocorrera vencer o tempo e a idade cambiando de imaxe, afeitándose para parecer máis novo.
O outono xa empezou e nós imos brindar porque os tempo segue andando cun bo copo de mosto recén vendimado, por este mes que de antigo era o mes da amizade.

venres, 2 de outubro de 2015

O KORRUNTXO DO OKUPA




Pero de que unidade de España me falades, santiños? A España de hoxe é un dos chansos do devenir histórico do mapa peninsular: a saber cal o chanso seghinte... baixando paresería.
O que ia camiño de España, que ainda non o era, empesou por ver seibarse Portughal. De antes, coido, xa estaba Andorra, ese estadiño-bolboreta, nin para ti (Fransa) nin para min.

E Navarra, como reino moi seu... ata ben tarde. (Por serto, deses consertos económicos con Navarra e o “País Vasco” ninghén se escandalisa (ou si?) porque aínda hai clases, así que non sei para que se escandalisar coas revindicasións económicas catalás...). Unha Navarra partida entre dous “estados modernos”, como o está Euzkadi... e a mesma Cataluña (co Rosselló do lado fransés). Quérese disir que a susodita unidade xa foi rota moitas veses, así é a vida, meus caros!

Pero sighamos cos avatares xoeghráficos: Xibraltar (ou Xibrólter que din os analfaanghlos), outra pedriña na sapatilla (por non abusar da area no soco). Vaia xadrés este! De que unidade falades, pois, os que dades por definitivo o mapa actual cos apéndises contranatura das belas e exóticas Canarias e, o que é máis chocante, as sidades-fortalesas marroquinas? (Xa sei que me repito con estas).

Todo país-estado, como todo imperio, ighual que xurde pode desapareser... e non dá para drama, só dramatisado no noso caso polos nasionalistas españeses (españoles é palabra catalá, compre, daquela, rexeitala), tan seghos que somente vituperan os outros nasionalismos que non son o seu... entanto aghuantan todas as separasións dos últimos anos, as balcánicas maiormente, pero tamén...

Eu, pobre okupa da realidade plurinasional e multirasial que esta casa é, ben lonxe estou de pedir a independensia: o xefe botaríame encantado, por aquilo de que a inimigho que fuxe... ponte de prata. Non lle demos ideas! Total, a nai do año está en que, ao non recoñeser España que as chamadas ”nasionalidades” -un eufemismo raposeiro- son verdadeiras nasións -algunha mesmo ao seu pesar!- non lles recoñese coherentemente a capasidade de desidir o camiño a escolleren.

Noutras palabras, ao non ser aseptadas como nasións, a soberanía non reside nos seus habitantes, senon nos do estado todo... o cal comporta unha perversión, pois os súbditos -que non sidadáns- dese reino nunca van votar a favor da amputasión dun dos seus membros, e que membro neste caso!

(Como se coñesen os cursos intensivos de Política por correspondensia que tomei cando moraba na Cochinchina... territorio do que xa ninghén se lembra... confesándovos que son un ousado, pois nin sequer un aprovado-consolasión obtiven de tales anónimos profesores!).