domingo, 4 de outubro de 2015

En outubro recolle cedo as vacas



Outubro, o mes do que o refraneiro nos advirte que máis ben fame ca sono, tamén é un mes para celebrar a fidelidade e a amizade, cando os romanos festexaban a Fides e con ela á palabra dada. Un mes no que se brinda co primeiro mosto, e cando se honraba ós deuses da medicina con aquela fórmula máxica: bebo o viño vello, bebo o viño novo, e así cúrome dos males vellos e dos males novos.

A recollernos é o que invita a caída da folla, como o refraneiro nos adianta en outubro garda cedo as vacas, a reflexionar sobre o tempo ido, e o por vir. Aínda non é o final pero aí está, xa moi preto o cabo do ano, quizabes non necesitemos chegar ó extremo de san Saturio, que renunciou a todo o que a súa familia lle ofrecía para vivir nunha cova, ou o mesmo san Francisco, fillo de comerciante que sisaba de seu pai os cartos con que socorrer ós necesitados mentres el vestía cun hábito feito da máis basta tea, e san Frailán, que se fixo pasar por quen non era para non recibir o mandato de ser el o bispo que foi. E tampouco imos ser como Nerón que instituíu neste mes as Xuvenalias, despois de que se lle ocorrera vencer o tempo e a idade cambiando de imaxe, afeitándose para parecer máis novo.
O outono xa empezou e nós imos brindar porque os tempo segue andando cun bo copo de mosto recén vendimado, por este mes que de antigo era o mes da amizade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario